Chiqui arenga á afección: "Cada campo de Galicia que imos fan un mini-Pasarón e iso valorámolo moitísimo"

Pontevedra
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O extremo do Pontevedra Club de Fútbol defendeu este mércores en rolda de prensa, ante o tramo final do campionato, que "temos que estar cos pés no chan, aínda non fixemos nada"

Chiqui, no partido de liga entre Pontevedra e Covadonga en Pasarón
Chiqui, no partido de liga entre Pontevedra e Covadonga en Pasarón / Cristina Saiz

O encontro do próximo domingo 14  (16.30 horas) entre Compostela e Pontevedra Club de Fútbol no Estadio Vero Boquete San Lázaro de Santiago será "unha festa do fútbol galego".

Así o espera polo menos Óscar Castellano, 'Chiqui', un dos futbolistas máis en forma do plantel granate que este mércores en rolda de prensa defendeu que "temos que estar cos pés no chan" porque "aínda non fixemos nada", en relación ao obxectivo do ascenso.

O extremo pediu á afección pontevedresa "que goce" co feito de estar a pelexar polo primeiro posto, e arengou a uns seguidores que se espera desprácense en número importante para apoiar o equipo na capital galega.

"Levan demostrando durante todo o ano que están connosco, a cada campo de Galicia que imos fan un mini-Pasarón e nós iso valorámolo moitísimo", afirmou Chiqui.

En canto ao choque, o futbolista granate afirma que "imos ir a Santiago a por os tres puntos", e que "sabemos que veñen catro finais pero só pensamos nesta, porque no momento no que penses noutra estás equivocado".

Ademais "sabemos que vai ser un rival moi difícil. Eles tamén teñen o seu obxectivo, vai ser un derbi moi bonito. Se perden esta fin de semana as súas opcións de play-off son moi poucas, así que van saír a morte", analizou o futbolista na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.