Choiva de récords galegos na penúltima xornada do Circuito de Atletismo en Pista

Pontevedra
23 de xuño 2023

O Circuito de Atletismo en Pista celebrou este mércores co XXIV Memorial Celso Mariño a súa penúltima xornada, na que se festexaron tres récords galegos e varias marcas persoais, en especial dos atletas da Sociedad Gimnástica Pontevedra, clube organizador  

Dani Chamosa, no XXIV Memorial Celso Mariño
Dani Chamosa, no XXIV Memorial Celso Mariño / Laura B.N. / Gimnástica

O Circuito de Atletismo en Pista celebrou este mércores co XXIV Memorial Celso Mariño a súa penúltima xornada, na que se festexaron tres récords galegos e varias marcas persoais, en especial dos atletas da Sociedad Gimnástica Pontevedra, clube organizador.

Á plusmarca autonómica obtida por Dani Chamosa o pasado domingo no Campionato Galego Absoluto en 5.000 m, esta semana hai que sumarlle un novo récord galego absoluto en 3.000 m marcha tras parar o cronómetro en 11:31.82. E por se fora pouco, a súa irmá, Antía, tamén bateu o récord galego en 3.000 m marcha nun tempo de 12:27.95. Tamén fixo unha nova mellor marca galega en lanzamento de peso de categoría sub16 o atleta do Clube Rías Baixas, Hugo Casañas (17,22m).

A Boa Vila tamén foi testemuña de tres marcas persoais por parte de atletas da Gimnástica: Cristina Garrido en 100ml (12.07), que ademais tamén supón un novo récord do club; a catrocentista Eugenia Gil nos 800ml (2:12.09); e Marina Artemia Pérez en triplo salto (11,59m).

Destacan tamén as marcas de Fernando Fariña, atleta das escolas do club de categoría sub14, ao superar o listón en salto de altura en 1,60m, e Jacobo Soler (Grupoempleo Pamplona Atlético) e Sergio Rodríguez (Sociedad Gimnástica de Pontevedra), que protagonizaron un dos momentos máis emocionantes co man a man que tiveron en 100ml e 200ml. Na proba reina da velocidade, Jacobo baixou da barreira dos 11 segundos con 10.94; mentres que Sergio se quedou ás portas de conseguir ese obxectivo con 11.00. Nos 200ml, os dous estiveron por debaixo dos 22 segundos.

A última xornada do Circuito de Atletismo en Pista celebrarase o 7 de xullo no CGTD de Pontevedra co XVLII Trofeo Virxe Peregrina.