Churre avisa ao Deportivo: "Imos competir con eles ata o final de tempada"

Pontevedra
01 de decembro 2020

O central e un dos futbolistas de maior peso no vestiario do Pontevedra renega do papel de favoritos de cara ao derbi do próximo sábado en Pasarón, pero asegura que "imos tentar por todos os medios dar un golpe enriba da mesa e dicir que aquí estamos nós"

Víctor Vázquez 'Churre' adestrando co Pontevedra en Pasarón
Víctor Vázquez 'Churre' adestrando co Pontevedra en Pasarón / Cristina Saiz

É quizais o partido máis esperado da tempada regular, pero disputarase finalmente con restricións de público debido á situación sanitaria. Por iso, un dos capitáns do Pontevedra como Víctor Vázquez 'Churre' defende que tentarán vencer o Deportivo en Pasarón "por eles", os afeccionados, "para que sentan orgullosos de nós".

O central marinense cre que "se gañas na casa sumar fóra sempre é positivo", polo que "teremos que facer bo o punto sumado en Santiago contra un rival que está aí arriba como nós".

A pesar de que moitos colocaron aos granates nun papel de favorito esta campaña á altura do cadro coruñés, Churre escapa desa etiqueta: "O cartel de favorito non o queremos e non o temos. Se hai algún favorito por orzamento e demais é o Deportivo. Nós pensamos en ir xogando cada domingo, en gañar e que non se escape nada máis de Pasarón", sinala o defensor.

Será en todo caso unha dura proba para os granates, que do mesmo xeito que o seu rival non coñecen a derrota esta campaña e que pensan con abrir oco co pelotón perseguidor.

Por ese motivo, e ante a soleira do rival, Churre resume o sentir do plantel pontevedrés: "Imos tentar por todos os medios dar un golpe enriba da mesa e dicir que aquí estamos nós e que imos competir con eles ata o final de tempada, que é o obxectivo".

Para iso o Pontevedra deberá buscar a maneira de facer dano a un Deportivo que se está caracterizando por unha gran solidez defensiva. "Temos que buscar a forma de que se vaian cun par de goles encima, porque está a ser un equipo rochoso, difícil de crearlle ocasións", afirma o marinense, que en todo caso non se asusta do potencial branquiazul defendendo que "nós coxos tampouco somos. Se estamos como temos estar e competimos como sabemos podemos competirlle a calquera".

Con estes ingredientes a batalla polo liderado do grupo está servida.