Cinco atletas da Gimnástica conseguiron medalla no Campionato Galego Absoluto

Pontevedra
26 de xaneiro 2016

Noutra competición, o Campionato de España de Medio Maratón, Manuel Hurtado finalizou nunha meritoria sexta praza

Equipo da Gimnástica no Campionato Galego Absoluto en Pista Cuberta
Equipo da Gimnástica no Campionato Galego Absoluto en Pista Cuberta / Sociedad Gimnástica

A Sociedad Gimnástica fai balance da súa participación no Campionato Galego Absoluto de Atletismo en Pista Cuberta, celebrado a pasada fin de semana na Coruña. Unha competición na que esperaban un mellor resultado tras sumar un total de cinco metais.

Tres deles foron ouros, os cultivados por Víctor Gallego en lanzamento de peso, Santi Ferrer en pértega e Jorge Puig nos 3.000 metros.

Completaron a nómina de medallistas Javier Guzmán cun bronce en peso e Clara Gil no salto con pértega feminino.

A Gimnástica non tivo a súa mellor xornada entre outras cuestións pola lesión de Darío Costas tras unha mala caída, aínda que finalmente quedou nun susto e poderá competir en Valencia na Copa do Rei.

OITO MEDALLAS EN CATEGORÍA SUB-23

Mellor foron as cousas na competición sub-23, celebrada tamén no Palacio de Deportes de Riazor, onde os atletas do club pontevedrés conseguiron oito medallas.

Paula Martín sumou dous ouros (pértega e lonxitude) e unha prata (50 valos). Ademais María Castro foi prata en pértega e Xavier Rodríguez nos 1.500 junior, mentres Jorge Puig ao gañar en categoría absoluta foi tamén ouro en idade junior nos 3.000 metros, ditancia na que Fernando Rial conseguiu o primeiro posto na categoría xuvenil.

MANUEL HURTADO, SEXTO NO NACIONAL DE MEDIO MARATÓN

Pola súa banda, notable foi o resultado de Manuel Hurtado no Campionato de España de Medio Maratón celebrado en Santa Pola (Alacante) ao concluír na sexta praza.

A súa marca, de 1 hora, 5 minutos e 58 segundos, non é suficiente para lograr a clasificación para o Mundial da especialidade.