O Circuíto Froiz de Atletismo en Pista 2026 chegou ao seu fin o pasado venres coa celebración do L Trofeo Virxe Peregrina, última das seis citas que compoñen a competición celebrada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
A pesar da alta expectación de asistencia, numerosos atletas non puideron competir debido a un contratempo co tráfico que lles impediu chegar a tempo ás súas probas.
Este problema tamén afectou aos xuíces polo que o inicio da competición demorouse máis do habitual.
Unha vez iniciada a proba vivíronse grandes momentos para atletas como Matías Moldes, primeiro en salto con pértega (4,20 metros); ou Carmen Paz, que se impuxo no 200 metros lisos e logrou ademais a súa mellor marca persoal (12.70).
Un ex da Gimnástica como David de la Fuente, agora no Playas de Castellón, tamén logrou bater a súa marca persoal no 3.000 metros lisos (07:56:08).

Con todo, o prato forte fíxose esperar até a última proba do día coa final masculina de remudas.
O equipo do club pontevedrés formado por David Abalde, Sergio Rodríguez, Alexis Miguéns e Xabi Lires impúxose no 4x400 e logrou o seu obxectivo de asinar a nova marca galega da proba (03:12:26).
Este novo fito pon o broche de ouro a un Circuíto Froiz que pecha a súa edición do 2026 tras seis etapas marcadas polos grandes éxitos deportivos de todos os atletas participantes.
A próxima parada en clave local será a exhibición de Saltar na Rúa que se celebrará o 29 de agosto na Praza da Ferrería.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.