O Cisne activa a habitual 'Operación KM' para que os seus equipos acudan aos sectores nacionais

Pontevedra
29 de abril 2026

O club pontevedrés busca fondos para financiar a viaxe dos seus equipos xuvenil e infantil masculino ao Sector do Campionato de España

Equipo infantil masculino do Club Cisne
Equipo infantil masculino do Club Cisne / Federación Galega de Balonmán

Chegan as semanas máis emocionantes da tempada para os equipos de base do Club Cisne Balonmán.

Dous deles, o equipo infantil e o xuvenil masculino, clasificáronse para xogar o Sector do Campionato de España das súas respectivas categorías.

Unha cita ilusinante pero que supón un gran esforzo para a entidade, e por iso activou un ano máis a súa xa tradicional 'Operación Quilómetro' para financiar o desprazamento das súas novas promesas á competición nacional.

En concreto o equipo xuvenil quedou encadrado no Sector C, con sede en Zarautz (Guipuzkoa), no que se medirá ao anfitrión Zarautz ZKE, ao Logroño La Rioja e ao FC Barcelona.

Pola súa banda o equipo infantil desprazarase a Zaragoza para o Sector D con rivais como o Dominicos, Balonmano Elda e Decotena Pulpo EA.

Ambas as dúas competicións disputaranse entre os días 8 e 10 de maio.

"Axuda aos nosos equipos Infantil e Xuvenil Masculino a poder viaxar para a disputa do Sector do Campionato de España. Canto maior sexa a achega máis cerca estaremos do noso destino. Cada euro de axuda será ben defendido na pista", sinala o Cisne na súa petición pública de apoio.

As achegas, comprando 'quilómetros' que cubran os respectivos desprazamentos, poden realizarse a través da aplicación Cluber.