O Cisne arranca a pretempada buscando "un equipo áxil, rápido e que lle poida gustar á xente"

Pontevedra
29 de xullo 2025

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra foi escenario este martes do primeiro adestramento do curso para o Club Cisne Balonmán. "Veñen todos en bo ton", asegura Quiños

Primeiro adestramento do Cisne 25-26
Primeiro adestramento do Cisne 25-26 / Cristina Saiz

Primeiros pasos do novo proxecto deportivo do Club Cisne Balonmán para a tempada 25-26, na que volverá competir na División de Honra Prata.

O conxunto pontevedrés regresou este martes aos adestramentos no Pavillón Municipal dos Deportes dando así inicio á súa preparación, e fíxoo con todos os seus xogadores "nun bo ton", afirmou o seu adestrador, Marcos Otero 'Quiños'.

"Todos traballaron con preparadores físicos particulares ou fixeron o traballo que se mandou, así que veñen en boas condicións", confirma.

É, recoñece Quiños, "un ano de moitos cambios, algúns forzados porque se foron a equipos e outros porque buscamos nós mellorar", aínda que o técnico está "moi contento co plantel" conformado.

Tras un curso con máis abafos dos esperados ante a gran igualdade da División de Honra Prata, o obxectivo para o adestrador pontevedrés será agora "tentar sumar os 25 ou 26 puntos canto antes". Todo iso "tentando manter a boa liña que tivemos case sempre o ano pasado nos partidos da casa, pero mellorando moito fóra".

Esa liña da que fala o preparador será a de conformar "un equipo que defenda ben e sobre todo que teña un ritmo alto, de transicións, con velocidade, con moitas situacións dun contra un", porque "buscamos un equipo áxil, rápido e que lle poida gustar á xente tamén".

O Torneo Internacional Interpontes, os días 7 e 8 de agosto coa presenza de dous equipos de Champions como o Dinamo de Bucarest e o Sporting de Portugal xunto ao Cangas, será a primeira ocasión para ver en acción ao novo Cisne.

Ademais na súa pretempada están fixados outros encontros como o 13 de agosto contra Xiria no Pavillón Municipal, o 23 de agosto contra o OAR Coruña a domicilio (Copa Galicia) e o día 28 outro amigable contra o Atlético Novás no Rosal.

No que respecta á División de Honra Prata, arrancará o 14 de setembro na casa contra o recentemente ascendido OAR Coruña.