Dous equipos de Champions, invitados o Torneo Interpontes de balonmán xunto a Cisne e Cangas

Pontevedra
08 de xullo 2025
Actualizado: 15:03

O Torneo Interpontes, segundo o presidente do Cisne, logrou dar forma a un cartel "que debe estar entre os mellores de España" e que, en próximas edicións, "será difícil de mellorar"

Presentación do I Torneo Interpontes de balonmán
Presentación do I Torneo Interpontes de balonmán / Concello de Pontevedra

O Sporting de Portugal e o Dinamo de Bucarest, equipos que compiten na Liga de Campións, serán os rivais de Frigoríficos do Morrazo e do Club Cisne Balonmán na primeira edición do Torneo Interpontes de balonmán.

Esta competición, organizada polo Cisne coa colaboración do Concello, celebrarase os días 7 e 8 de agosto no Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra

O presidente do conxunto pontevedrés, Santiago Picallo, recoñeceu que "é un reto" impulsar un torneo destas características e que ten o "máximo nivel posible".

Grazas á "rede de contactos" que o club fixo durante os seus anos na liga Asobal, explicou Picallo, o Torneo Interpontes logrou dar forma a un cartel "que debe estar entre os mellores de España" e que, en próximas edicións, "será difícil de mellorar".

Lembrou que o Sporting de Portugal quedou fóra da final a catro da máxima competición continental "por un só gol" e que o Dinamo de Bucarest, que tamén xoga a Liga de Campións, é outro dos equipos máis representativos do balonmán europeo.

A eles sumarase uns Frigoríficos do Morrazo, "que seguramente nos encherá de público e de ambiente a cidade", subliñou o presidente do Club Cisne Balonmán.

A edil responsable da área municipal de deportes, Anabel Gulías, destacou que "se hai un deporte que teña que reinar na nosa cidade" é o balonmán, debido ao seu pasado, o seu presente "e o brillante futuro que ten por diante".

O obxectivo é encher o Municipal co "gancho" de traer a Pontevedra a dous dos mellores equipos de Europa, explicou Gulías, que celebra que toda a familia do Cisne poida tamén vivir unha "moi boa experiencia" tras unha tempada "con algún susto que outro".