O Cisne certifica a permanencia nun partido de emocións opostas

Pontevedra
17 de maio 2025

O conxunto pontevedrés asegurou a súa permanencia na División de Honra Prata cunha vitoria 27-19 sobre o Lanzarote nun partido marcado pola despedida de Mateo Arias, Javiva e Bruno Vázquez

Partido entre Cisne e Lanzarote no Municipal
Partido entre Cisne e Lanzarote no Municipal / Cristina Saiz

A afección do Club Cisne Balonmano viviu este sábado unha mestura de emocións: alegría pola permanencia e tristeza pola despedida de Mateo Arias, Javi Vázquez e Bruno Vázquez.

O equipo pontevedrés cumpriu co seu labor ao vencer ao pechacancelas Lanzarote por 27-19, nun partido que dominou de principio a fin e que serviu de homenaxe aos xogadores que non continuarán a tempada que vén.

Desde o inicio, os brancos impuxeron o seu ritmo, con Javi Vázquez abrindo o marcador desde o sete metros ao tres minutos de xogo e levando a dianteira no luminoso en todo momento.

A partir do ecuador do primeiro tempo os xogadores locais despregaron o xogo que o Lanzarote non soubo contrarrestar, o que se traduciu nun resultado de 12-8 ao descanso.

Na segunda metade, a superioridade dos locais consolidouse aínda máis, e a falta de doce minutos para o final, a diferenza xa era de once goles (22-11).

O partido concluíu cun claro 27-19 a favor do Cisne, certificando a permanencia na categoría.

O momento máis emotivo da xornada chegou a un minuto do bocinazo final, nun xesto consensuado co equipo rival para render homenaxe a Mateo Arias, Javi Vázquez e Bruno Vázquez, tres xogadores que marcaron unha época no club e que deixarán, sen dúbida, unha pegada indeleble tanto na afección como na historia do Cisne.

Consulta a acta neste enlace