Cisne e Teucro coñecen o camiño que lles espera na División de Honra Prata 21-22

Pontevedra
13 de xullo 2021

A Real Federación Española de Balonmán sorteou este martes o calendario de competición da segunda categoría nacional, na que coincidirán os dous equipos pontevedreses e que dará comezo o 25 de setembro. O formato da liga será o mesmo que o da pasada tempada

Partido entre o Teucro e o Trapagaran no Pavillón Municipal
Partido entre o Teucro e o Trapagaran no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

A Real Federación Española de Balonmán (RFEBM) sorteou este martes o calendario de competición 21-22 da División de Honra Prata, categoría na que coincidirán a Sociedad Deportiva Teucro e o Club Cisne Balonmán.

O formato de liga será o mesmo que na tempada recentemente finalizada, con dous grupos de 10 equipos nunha fase inicial a dobre volta na que os cinco primeiros clasificados pasarán a pelexar polo ascenso e os cinco últimos por evitar o descenso a Primeira Nacional. Na segunda fase os equipos enfrontaranse en dobre volta aos rivais do outro grupo arrastrando resultados e puntos dos rivais directos da primeira fase. Ao final do curso ascenderán á Liga Asobal os dous mellores clasificados e perderán a categoría cinco clubs.

A competición dará comezo o día 25 de setembro, e farao cun derbi provincial en casa para o Cisne ante o Atlético Novás, mentres que o Teucro visitará a pista do Zamora. 

Só unha semana despois (2 outubro), na segunda xornada, chegará o primeiro derbi entre os equipos pontevedreses, cita que se repetirá antes do nadal (19 de decembro) na xornada 11.

A primeira fase concluirá o 26 de febreiro cos partidos Guadalajara-Teucro e Cisne-San Pablo Burgos.

Consulta o calendario completo da División de Honra Prata Masculina na web da RBEBM.