O Pavillón Municipal dos Deportes acollerá este mércores 14 de xaneiro o XXXII Memorial Manuel Luaces.
A cita renderá homenaxe a unha das grandes figuras do Club Cisne.
Nesta edición, o tradicional encontro enfrontará o conxunto lerezano coa AD Carballal, club invitado e actual quinto clasificado da Primeira Nacional.
O duelo disputarase a partir das 20:30 horas e suporá a primeira proba do ano para o equipo pontevedrés.
Convertido xa nunha tradición do balonmán galego, o memorial servirá tamén para que o Cisne recupere o ritmo competitivo tras o parón do Nadal e chegue da mellor maneira posible ao primeiro compromiso do ano na División de Honra Prata.
Desta forma, o primeiro partido oficial do 2026 para o conxunto pontevedrés será o sábado 17 ás 19:00 horas en casa do OAR Coruña.
O acceso dos afeccionados para o Memorial Manuel Luaces será gratuíto.