Cita portuguesa para os máis novos do Súper Froiz

Pontevedra
04 de setembro 2019

A categoría sub-23 do Súper Froiz trasládase a Portugal para disputar unha das probas máis importantes do calendario portugués, a edición número 27 da Volta ao Futuro

Equipo do Súper Froiz que competirá na Volta ao Futuro en Portugal
Equipo do Súper Froiz que competirá na Volta ao Futuro en Portugal / GD Súper Froiz

Cunha parte do equipo correndo a Volta a Cantabria, os máis novos do Súper Froiz trasládanse a Portugal para disputar unha das probas máis importantes do calendario portugués, a edición número 27 da Volta ao Futuro.

A competición, na que participará a categoría sub-23 do club pontevedrés, celebrarase desde o xoves día 5 ata o domingo 8 de setembro con saída en Serta e meta en Portalegre.

Na primeira etapa, o pelotón formado por Jorge Suárez, Aitor Bugarín, Aaron Mariño, Abel Franco, Jesús Pociña, Guillermo García e Adrián Barros, percorrerá un circuíto en Serta onde realizará catro voltas dun total de 115 quilómetros.

O segundo día será a etapa máis longa, comeza e termina en Abrantes e ten 168,2 quilómetros.

Ao día seguinte, Abrantes volverá dar saída á terceira e á cuarta etapa. Durante a mañá do sábado percorrerán 79,9 quilómetros ata chegar a Castelo de Vide e, pola tarde, será a contrarreloxo de 8,4 quilómetros con subida á ermida de Sr. Da Penha na Serra de Sao Paulo.

A quinta e última etapa ten 122,8 quilómetros e os corredores subirán a Crato, Monforte e Arroches e, na fase final, serán os dous decisivos premios de segunda categoría, Serra de Sao Mamede e Cabeço do Mouro.