Todo o balonmán galego ten unha cita imprescindible este domingo 7 de setembro en Vilagarcía. No renovado pavillón Sara Gómez disputaranse a Copa Galicia e a Supercopa, tanto masculina como feminina. E con dobre presenza pontevedresa.
O Club Cisne Balonmán será un dos equipos que disputará a final da Supercopa. Será contra o Frigoríficos do Morrazo, a partir das cinco da tarde.
Os de Pontevedra volven á competición máis prestixiosa do balonmán galego despois de dous anos "cun equipo moi novo pero moi maduro no seu estilo de xogo", segundo destacou Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán.
Tratarán de sorprender aos de Cangas, que están a ultimar a súa posta a punto de cara ao inicio dunha nova tempada da Liga Asobal.
Pola súa banda, a SD Teucro estará na final da Copa Galicia, que se xogara ás 13:00 horas. No seu caso, o rival polo título será o Valinox Novás. Ambos son dous dos conxuntos favoritos do Grupo A de Primeira Nacional.
O Teucro, club videcano do balonmán nacional, subliñou López, "tratará de poñer o colofón ao seu oitenta cumpleanos celebrando a primeira vitoria da tempada".
O Novás realizou unha pretempada "moi alentadora" e acoden a Vilagarcía cun proxecto novo "que os coloca entre os claros candidatos ao título ligueiro", apuntan dende a federación.
En Vilagarcía disputaranse tamén a Copa Galicia e a Supercopa de categoría feminina.
O A.D. Carballal e o Helvetia Seaplat Cañiza xogarán polo título de copa a partir das once da mañá, mentres que a Supercopa, ás sete da tarde, estará protagonizada polo derbi galego por excelencia, Zendal O Porriño- Atlético Guardés.
O club local, o Balonmán Arousa, contará cunha cantina exterior preparada para dar soporte a todos os afeccionados.
As dúas competicións poderán seguirse en directo pola canle de Youtube da Federación Galega.