Clausuran o Estadio Municipal de Pasarón tras desprenderse varias láminas da cuberta de Preferencia

Pontevedra
19 de decembro 2019

Como medida de precaución o Concello decretou o peche do estadio así como a rúa Luís Otero ante o risco de que poidan caer máis ferros da cuberta. "Actuaremos mediante unha obra de emerxencia para tentar solucionar o problema canto antes" confirma o edil Tino Fernández

O Estadio Municipal de Pasarón, clausurado por danos na cuberta de Preferencia Cristina Saiz

A borrasca 'Elsa' provocou importantes danos no Estadio Municipal de Pasarón, ata o punto de obrigar ao seu peche cautelar.

En concreto o forte vento que azoutou Pontevedra durante a noite provocou de madrugada o desprendemento de varias das planchas da cuberta da bancada de Preferencia.

"Están os técnicos evaluando o alcance dos danos, se desprenderon varias láminas da cuberta e hai outras que corren perigo de desprendemento", explicou á primeira hora da mañá o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

Os bombeiros acudiron ao aviso de emerxencia accedendo cunha escaleira ata a cuberta para retirar outros ferros deteriorados.

Debido a esta situación o goberno local decretou a clausura da actividade do campo municipal ademais do peche da rúa Luís Otero e Leonardo Enríquez, onde caeron parte dos ferros e por onde por agora só se permitirá o paso de residentes.

Aínda que o peche non afecta de momento a nivel deportivo, xa que o Pontevedra Club de Fútbol non volverá xogar no seu estadio ata o día 4 de xaneiro, deberá asegurarse a seguridade antes desa data para non afectar aos próximos compromisos deportivos previstos na instalación. 

Neste aspecto, a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva  Vilaverde, explicou que "xa contratamos por emerxencia os traballos de revisión da cuberta" e unha vez se concreten os danos producidos pola borrasca, está previsto que se actúe mediante unha obra de urxencia para tentar solucionar o problema canto antes.