Daniela Suárez continúa sumando triunfos e logros a un palmarés que crece máis aínda grazas á súa exitosa participación no Campionato de España Júnior celebrado esta fin de semana. A nadadora do Club Natación Artística Galaico Pontevedra completou unha gran actuación para alzarse co ouro en Só Libre Feminino.
A súa medalla non foi a única para o club da Boa Vila, pois o seu compañeiro Iván González tamén asinou un campionato notable tras finalizar terceiro na modalidade de Só Libre Masculino e achegar así un segundo metal ao medalleiro lerezano.
No caso de Daniela, a pontevedresa comezou ben a competición tras liderar unha proba técnica do xoves na que sumou un total de 236,2833 puntos.
Este resultado permitiu á lerezana afrontar a modalidade libre deste domingo con vantaxe respeco aos seus perseguidores. Lonxe de relaxarse, volveu brillar na piscina de Sabadell para sumar un acumulado total de 492,8933 puntos ( 256,5100 en Só Libre).
Con esta puntuación alzouse coa medalla de ouro tras finalizar por diante de Romane Sarah, do CN Granollers, e do bronce Naia Álvarez, do AD Sincro Retiro.

En canto á actuación de Iván, o nadador do CNA Galaico xogouse a medalla na proba libre do domingo tras finalizar o Só Técnico do xoves en cuarta posición (174,5083 puntos).
Non baixou o nivel e logrou sumar 167.8075 puntos máis que fixeron un total de 342.315, cantidade suficiente para meterse entre os tres primeiros e alzarse cunha valiosa medalla de bronce.
Estes resultados xunto ao papel do Equipo Libre Júnior formado por Deva, Lucía, Claudia, María, Luana, Clara, Navia, Lucía Riv., Iván e Daniela, que finalizou en 15ª posición, deixan o club nunha meritoria sétima praza na clasificación final do total de 36 participantes.
A primeira posición foi para o CN Sabadell seguido polo CN Granollers, segundo, e o AD Sincro Retiro, terceiro clasificado.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.