Coke Carrillo renova ata 2024 co Barcelona cunha cláusula de rescisión de 50 millóns de euros

Pontevedra
15 de xullo 2021

O gardameta de Poio, canteirán do Pontevedra Club de Fútbol, asinou este xoves o seu novo contrato co Barcelona tras concluír a súa etapa xuvenil. Dará o salto ao filial blaugrana que militará na Primeira RFEF

Coke Carrillo, asinando a súa renovación co FC Barcelona ata 2024
Coke Carrillo, asinando a súa renovación co FC Barcelona ata 2024 / FC Barcelona

Unha das grandes promesas do fútbol pontevedrés, Coke Carrillo, seguirá ligado ao Fútbol Club Barcelona unha vez concluída a súa etapa en categoría xuvenil.

O gardameta de Poio, canteirán do Pontevedra Club de Fútbol, asinou este xoves o seu novo contrato co club catalán, co que dará o salto ao filial que militará a próxima campaña na Primeira RFEF.

Carrillo estivo acompañado polo presidente barcelonista Joan Laporta, o vicepresidente deportivo Rafael Yuste, o directivo responsable do fútbol formativo Joan Soler, o presidente do Barça B Jordi Casals e o director do fútbol formativo José Ramón Alexanco.

Segundo confirmou o FC Barcelona, o gardameta internacional en categorías inferiores seguirá ligado a un dos clubs máis importantes do mundo ata 2024, con posibilidade de dous anos máis opcionais. Ademais a súa cláusula de rescisión será de 50 millóns de euros, que pasarían a 100 millóns no caso de chegar ao primeiro equipo.

"Sigo un poco lejos pero pasito a pasito nos vamos acercando poco a poco. Sigue siendo mi sueño desde que llegué hasta el día de hoy y lo seguirá siendo", sinalou sobre esa posibilidade Coke Carrillo en declaracións ao medio oficial do club.

"Estoy muy contento, la verdad es que es uno de los mejores momentos desde que llegué", explicou o canteirán granate tras aterrar na Masía con 16 anos no seu primeiro curso como xuvenil. "Los primeros meses fueron difíciles pero con los compañeros que te integran poco a poco llegamos hasta aquí".

Desde aquel momento Coke Carrillo, que aterrou no xuvenil B, foi progresando na estrutura do Barcelona ata asentarse no primeiro equipo da categoría, sendo o titular a final de ano nos dous partidos da fase final da Copa de Campións.

Cabe destacar que o Pontevedra Club de Fútbol estableceu no seu traspaso unha serie de obxectivos en función da evolución do futbolista, polo que é de esperar que este salto ao filial supoña xa unha achega económica na casa granate.

Eses pluses poden reportar "ata un millón de euros", recoñeceu a finais de 2019 o conselleiro Enrique Mariño na Xunta de Accionistas do club.