A Primeira RFEF Futsal Feminina levanta o pano esta fin de semana dun curso no que, con obxectivos diferentes, depositaron grandes doses de ilusión tanto o debutante Marín Futsal como un Poio Pescamar co play-off entre cella e cella.
O partido encargado de estrear o curso será precisamente o do recentemente ascendido Marín Futsal, que este sábado (17.00 hora) recibirá no pavillón municipal da Raña ao todopoderoso Futsi Atlético Navalcarnero, un dos máximos aspirantes ao título.
Unha estrea de altos voos para un equipo marinense que, adestrado por Raúl Jiménez, aspira a consolidarse na máxima categoría logrando cos menores apuros posibles a permanencia.
Obxectivo moi diferente terá o Poio Pescamar, que tras unha importante renovación no seu persoal volve poñer a súa meta nos primeiros postos e na pelexa polo título de liga.
As de Manu Cossío estrearanse nesta ocasión a domicilio e nunha pista a priori complicada como a do Alcorcón (sábado, 19.00 horas). No seu caso empezar con bo pé supoñería un paso importante antes de recibir na segunda xornada ao actual campión, o Burela.
O primeiro derbi ligueiro entre Marín e Poio, que xa se mediron recentemente na Copa Galicia, non se fará moito de rogar, xa que está previsto para a terceira xornada, o 2 de outubro na Raña.