Exercicio de supervivencia o protagonizado este venres polo Pontevedra Club de Fútbol no Estadio Romano fronte ao Mérida. Os granates víronse superados en moitos momentos polo seu rival, pero persistiron até rescatar un punto no desconto que lles permite encadear a súa oitava xornada consecutiva sen perder en Primeira RFEF e seguir unha semana máis en postos de play-off de ascenso. Case nada.
Non foi un compromiso sinxelo, e é que a axfisiante presión exposta polos locais no inicio do choque apagou as ideas dos de Rubén Domínguez, irrecoñecibles especialmente durante unha primeira metade na que estiveron sometidos ao seu rival sen lograr apenas asociarse.
O técnico apostou por un once reconocible con dúas variacións, a entrada de Brais Abelenda en punta de ataque e o regreso na banda esquerda defensiva de Miguel Cuesta, pero as sensacións non eran as mellores no primeiro partido en venres da tempada.
Víase máis incisivo ao Mérida, co Pontevedra aguantando o tirón inicial. Parecía de feito que o lograra pasado o primeiro cuarto de hora de xogo, cando asomou por primeira vez en ataque cun bo centro de Miguel Cuesta para a chegada de Brais, pero o atacante non logrou conectar con precisión co esférico.
Xusto despois o propio Cuesta volveu ser protagonista, só que amargo, na acción do 1-0. Era o minuto 23 e o asturiano perdía o coiro na saída de balón. Raúl Beneit recuperaba a posesión para o Mérida na frontal, tiraba unha parede con Artola e batía a Marqueta cun disparo cruzado.
Adiantábanse os locais, que non botaban especialmente en falta o seu pichichi Álvaro García, baixa de última hora tras pagar a súa cláusula de rescisión para asinar polo Castellón de Segunda División.
Tras o tanto, aos granates seguíalles custando saír, e aínda que se defendían das acometidas estremeñas, non lograban progresar con perigo. Até o descanso a única acción destacada chegou de feito noutro roubo adiantado do Mérida, pero esta vez o disparo de Areso foi desviado a córner por Alain Ribeiro.
Tentou subir un punto a intensidade o Pontevedra tras o paso polos vestiarios, e en apenas 30 segundos xa efectuou o seu primeiro disparo a porta, aínda que fose desde fóra da área por parte de Miguel e marchase alto. Era unha declaración de intencións.
Cos de Rubén Domínguez adiantado liñas o partido abriu, e tamén o Mérida atopaba máis ocos. Así rozou o 2-0 Chiqui tras unha carreira de Areso ás costas da defensa, pero o remate do extremo emeritense, con todo a favor, non atopou portaría. Marqueta sacoulle despois outro remate o ex-pontevedrés.
O partido seguía sen decidir, aínda que todo puido quedar visto para sentenza nunha acción polémica. Tras un saque de banda á área o colexiado sinalaba penalti de Miki Bosch na pelexa con Artola e expulsaba o central ao mostrarlle a súa segunda amarela. O árbitro foi chamado ao FSV para revisar a acción e mantivo a pena máxima pero deixou sen efecto a expulsión. Inmediatamente despois Artola xutaba alto o penalti e mantiña no partido o Pontevedra.
Cada vez quedaba menos tempo e os da Boa Vila tentaban queimar os seus últimos cartuchos na busca, polo menos, dun empate, sobre todo tras a segunda amarela do local Gaizka no minuto 80 nunha falta no frontal sobre Luisao.
En superioridade numérica insistían para pechar a un Mérida que, agora si, sufría. Luisao xa no desconto probouno sen fortuna, pero na seguinte acción a súa insistencia atopou premio á resistencia granate. O 17 do Pontevedra desbordaba por banda até a liña de fondo, centraba raso, Miki Bosch deixábaa pasar e Compa chegaba para meter a punteira e facer o 1-1. Era o minuto 93 e o todo o equipo granate celebrábao con intensidade. Non era para menos tras ver perdido o duelo durante moitos minutos.
💎 ¡𝙀𝙇 𝘿𝙄𝘼𝙈𝘼𝙉𝙏𝙀 DEL @PontevedraCFSAD!
— Primera Federación Versus e-Learning (@Primera_RFEF) January 23, 2026
⌛️ @Alexcompa9 rescata un punto para su equipo en el descuento.
📺 @LaLigaPlus y @MPlusDeportes #MéridaPontevedraCF | #PrimeraFederación | #VersusELearning pic.twitter.com/ylZ33wvWNt
Ao final repartición de puntos que deixa o Pontevedra unha xornada máis en postos de play-off, terceiro con 35 puntos. Xa só faltan 10 para o obxectivo dos 45 que marcan virtualmente a permanencia.
AD MÉRIDA (1): Csenterics, Gaizka, Javi Domínguez, Lancho, Vergés, Martín Solar (Victor, min.85), Beneit, Benny (Capi, min.75), Areso (Pipe, min.85), Chiqui, Artola (Manu Rivas, min.85).
PONTEVEDRA CF (1): Marqueta, Vidorreta, Miki Bosch, Alain Ribeiro (Álvaro, min.57), Miguel Cuesta, Montoro, Yelko Pino, Tiago, Eimil (Compa, min.57), Joao Resende (Alberto Gil, min.76), Brais Abelenda (Luisao, min.76).
Árbitro: Francisco Javier Expósito Jaramillo (Sevilla), auxiliado nas bandas por Julián Sánchez e Bruno Rodríguez e con Ángel Caro como cuarto colexiado. Amoestou a Pipe no Mérida e a Miki Bosch e o adestrador Rubén Domínguez no Pontevedra. Expulsou a Gaizka no Mérida por dúas amarelas (min.80).
Goles: 1-0 Beneit (min.23); 1-1 Compa (min.93).
Incidencias: Partido da xornada 21 de liga do Grupo I de Primeira RFEF disputado no Estadio Romano de Mérida ante 2.371 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polas vítimas do accidente ferroviario de Adamuz.