Competición confirma un mes despois que Johnny Medina non será sancionado

Pontevedra
12 de xaneiro 2017

O pivote brasileiro do Teucro poderá finalmente participar no primeiro e importante partido de liga do ano ante o Zamora ao arquivar o Comité de Competición o expediente sancionador aberto o pasado 7 de decembro pola súa descualificación no choque ante o Barcelona B

Medina (esquerda) no amigable entre Teucro e Xapón
Medina (esquerda) no amigable entre Teucro e Xapón / Mónica Patxot

Un mes despois esfúmase a ameaza de sanción que arrastraba Johnny Medina desde o pasado 7 de decembro, cando foi descualificado na última acción do choque ante o Barcelona B.

Naquel momento os colexiados mostráronlle sobre a cancha o cartón vermello, que non carrexa sanción, pero no acta segundo o relato teucrista cambiouse a cor do cartón ao azul, que si levaría consigo un partido de castigo.

Desde entón, o Comité de Competición solicitou testemuños das partes implicadas, incluído un informe arbitral, e o xogador seguiu xogando á espera de resolución.

O temor no club pontevedrés era que o pivote brasileiro, peza importante no esquema defensivo de Quique Domínguez, perdese o primeiro e imporante partido do ano ante o Balonmano Zamora (sábado, 20:30 horas). 

Finalmente tras reunirse durante a tarde deste mércores, e tras máis dun mes de espera, Competición decidiu arquivar de maneira definitiva o expediente, polo que Medina poderá ser aliñado o vindeiro sábado no Municipal nun duelo que pode resultar clave na loita polo ascenso directo.