Con ilusión e sen renunciar a nada encara o Arxil o inicio da fase de ascenso

Pontevedra
22 de abril 2015

O conxunto pontevedrés arranca este xoves en Lugo o play-off de ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino nacional. Faino ás 18:00 horas ante o Plenilunio nun choque que encara con todo o plantel dispoñible

Adestramento do Arxil no CGTD
Adestramento do Arxil no CGTD / Daniel Santomé

Chega a hora da verdade para o Arxil. O conxunto pontevedrés encara dende este xoves 23 de abril a súa cuarta participación nunha fase de ascenso á Liga Feminina, máxima categoría do baloncesto nacional.

As verdes estréanse na competición, que ten como sede o Pazo Provincial dos Deportes de Lugo, ás 18:00 horas contra o Plenilunio, cuarto clasificado do Grupo B durante a fase regular.

O venres, tamén ás 18:00 horas, o Arxil enfrontarase ao anfitrió, o Ensino Lugo, pechando a liguiña o sábado ás 17:00 horas ante o CREF ¡Hola!.

Os dous primeiros clasificados de cada un dos dous grupos de competición xogarán as finais polo ascenso, previstas para o domingo.

No club pontevedrés son conscientes da dificultade do play-off, que encaran sen presión pero si con toda a ilusión de realizar un bo papel.

O aspecto máis positivo para as de Mayte Méndez é que a adestradora pontevedresa poderá contar con todas as súas xogadoras en perfectas condicións.

Marta Taboada, María Martínez e Andrea Carrera, xogadoras do filial, reforzan a expedición de 15 que viaxará a Lugo ante a esixencia de afrontar polo menos tres partidos en tres días consecutivos.

O resto da convocatoria compóñena Maimouna Diarrá, Fallon Lewis, María Lago, Ana Martín, Sandra Entenza, Carla Fernández, María Centeno, Ana Román, Fany López, Jara Tuda, Cristina Díaz-Pache e Aldara Méndez, ademais do corpo técnico encabezado por Mayte Méndez xunto Milagros Sanmartin, Marita Janeiro e Cuco Rodríguez.