Estrea con vitoria do Arxil ante o Plenilunio (61-52) no play-off de ascenso

Pontevedra
23 de abril 2015

A fe do equipo verde levouno a remontar un partido que se puxera costa arriba. Un parcial de 13-0 a metade do terceiro cuarto resultou decisivo. Ensino, rival este venres nun partido clave

Primeiro partido do Arxil na fase de ascenso ante o Plenilunio
Primeiro partido do Arxil na fase de ascenso ante o Plenilunio

Importante triunfo do Club Baloncesto Arxil na súa estrea na fase de ascenso á Liga Feminina.

As verdes impuxéronse nun traballado e sufrido encontro ao Plenilunio madrileño (61-52) grazas en parte a unha fe que as levou a remontar un choque que se lle puxera en contra.

Empezou ben o conxunto de Mayte Méndez nos primeiros instantes, pero pronto o Plenilunio se poñería por diante (10-20 ao final do primeiro acto) grazas a un grande acerto no tiro.

O Arxil reaccionou no segundo cuarto apoiándose na pintura, especialmente en Diarrá, e nunha defensa en zona que non era capaz de desbordar o seu rival, chegando ao descanso cun apertado 27-30.

Na reanudación as madrileñas saíron fortes cun parcial de 0-7 (29-37), pero as pontevedresas sempre creron nas súas posibilidades e, nun momento clave do partido, lograba poñerse de novo por enriba no electrónico tras devolver o parcial e amplialo ao 13-0.

Foi o punto de inflexión do partido. A partir de aí mandou o Arxil, que chegou en vantaxe ao último cuarto (47-43) e temperou mellor os nervios nos últimos minutos para pechar unha vitoria que mantén vivo o soño de pelexar ata o domingo polo ascenso.

O primeiro paso está dado, o segundo será este venres enfrontarse anfitrión da fase, o Ensino de Lugo, pero o que queda claro é que as verdes gañaron o dereito a pensar en grande.

CB ARXIL (59): Diarrá (14), Ana Martín, Carla, María Lago (17), Lewis (13) -cinco inicial- Ana Román (6), María González (6), Jara, Cristina, Sandra (3).

PLENILUNIO DO (52): Laura Velasco (1), Elena (6), María Villar (13), Celia (12), Varas (8) -cinco inicial- Argüello (6), Laura Rodríguez, Santolaya, Escobar, Inñes (6).

Árbitros: Bey Silva e González Morán. Sen eliminadas.

Parciais: 10-20, 17-10 (27-30), 20-13 (47-43), 14-9 (61-52).

Incidencias: Partido disputado no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo.