O ano 2019 será un ano 'de campionato' na cidade de Pontevedra. Se xa o ía a ser coa disputa na cidade do ITU Multisport Festival, con ata cinco campionatos do Mundo de tríatlon, e o Mundial junior de balonmán, agora engadiuse outra competición de nivel internacional.
A Boa Vila foi designada oficialmente como sede do Campionato de Europa Junior de Loitas Olímpicas, ao impoñerse a súa candidatura ás presentadas polas localidades de Chisinau (Moldavia), Bydgoszcz (Polonia) e Skopje (Macedonia).
"Estamos encantados", recoñeceu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ao facer pública a nova acompañado dos presidentes das federacións española e galega de loita, Francisco Javier Iglesias e José Luis Olazábal.
"O 2019 vai ser o ano de todos os anos", sinalou Lores, aludindo a Pontevedra como unha das "cidades do deporte de todo o estado".
O Europeo Junior congregará no Pavillón Municipal dos Deportes, segundo as previsións, preto de 1.200 deportistas durante 6 días de competición, que terían lugar "nos primeiros días de xuño", nas modalidades incluídas no programa olímpico, como son a loita libre masculina e feminina e a loita grecorromana masculina.
Para a Federación Epañola "este campeonato es una oportunidad para nuestro deporte, para su desarrollo", recoñeceu Francisco Javier Iglesias. Non en balde España non acolle unha competición de loita de nivel internacional desde que o fixese Sevilla no ano 2003.
Refórzase así a aposta dos últimos anos de Pontevedra por esta modalidade deportiva, que terá continuidade tamén en 2018 coa celebración do Campionato de España Escolar e Cadete, segundo revelou o máximo representante da Federación Galega.