Conceden a Pontevedra a organización do Mundial de Loita Sub-23 en 2022

Pontevedra
07 de maio 2021

A Federación Internacional de Loitas Olímpicas (United World Wrestling) confirmou a concesión do campionato a Pontevedra, estando prevista a súa celebración no mes de outubro

Cuarta xornada do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas de Pontevedra 2019
Cuarta xornada do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas de Pontevedra 2019 / Mónica Patxot

Pontevedra suma un campionato do mundo ao seu calendario de eventos deportivos para o ano 2022.

A Boa Vila foi designada como sede do Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas, que se celebrará entre os días 17 e 23 de outubro do próximo ano co Pavillón Municipal dos Deportes como punto central da súa actividade.

A Federación Internacional de Loitas Olímpicas (United World Wrestling), confirmou á Federación Española a última hora do xoves a concesión do campionato, felicitando á cidade polo "gran reto que está a piques de asumir".

"Trátase dunha gran noticia, que pon de manifesto a confianza das federacións deportivas nacionais e internacionais no bo traballo que se está realizando en Pontevedra no campo deportivo", sinalou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, tras confirmarse a noticia.

É un paso máis na organización de eventos de loita na cidade, tras acoller varios campionatos de España e tamén o Europeo Júnior en 2019. Agora será a quenda de todo un Campionato do Mundo, que se engade ao extenso currículo organizativo de Pontevedra.

A loita olímpica é un deporte, asegura Fernández, "nos que os pontevedreses podemos sacar peito, con campións e campioas que adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), así que poñeremos todo o noso empeño para lograr que a organización deste Campionato do Mundo sexa un éxito".