Conceden ao Cisne a organización da fase final do Campionato de España Cadete

Pontevedra
20 de maio 2019

O conxunto pontevedrés conseguiu clasificarse para a fase final, na que participan os 8 mellores equipos do país, por segundo ano consecutivo. Disputarase do 29 de maio ao 2 de xuño

Partido do sector nacional cadete entre Cisne e Atlético Valladolid
Partido do sector nacional cadete entre Cisne e Atlético Valladolid / Diego Torrado

Pontevedra será a sede da fase final do Campionato de España Cadete Masculino de balonmán, no que estará presente o Cisne.

O conxunto pontevedrés logrou clasificarse brillantemente a fin de semana entre os 8 mellores do país, ao finalizar en primeiro posto o grupo do sector nacional celebrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva por diante do Atlético Valladolid, Gijón Jovellanos e Pacense.

Os pupilos de Óscar Arosa xa coñece que camiño lles agarda nesa fase final, que organizarán na casa tras o interese mostrado polo Concello e o visto e prace da Real Federación Española de Balonmán.

Será o segundo ano consecutivo que o equipo cadete do Cisne estará presente nesta selecta competición, co obxectivo de superar a oitava praza lograda hai un ano.

Os locais terán como rivais no Grupo I da fase final ao Ademar de León,  FC Barcelona e Ikasa Madrid, mentres que o Grupo II compoñerano Colegio San Agustín, Granollers, Balonmano Leganés e Zarautz.

A competición terá lugar entre o mércores 29 de maio e o domingo 2 de xuño, data da gran final.