Confirmados os primeiros compromisos de pretempada para o Poio FS

Poio
10 de agosto 2014

O equipo vermello xogará ante o Burela e o Cidade das Burgas. Ademais a primeira fase da Copa Xunta emparellou ás de Poio co Leis Pontevedra e o Ponte Ourense

Adestramento do Poio FS PontevedraViva

Rematada a primeira semana de adestramentos, o Poio Futbol Sala empeza a fixar os encontros de pretempada co obxectivo de preparar a súa segunda tempada na máxima categoría nacional.

As vermellas confirmaron dous encontros ante rivais de Primeira División, como son o potente Burela FS e o Cidade das Burgas.

Ademais o equipo adestrado por Gonzalo Iglesias coñece xa os seus rivais na primeira fase da Copa Xunta, a falta de fixar os días concretos para os encontros.

Ademais do Poio FS, compoñen o grupo o Leis Pontevedra e o Ponte Ourense. Os partidos deben disputarse obrigatoriamente antes do inicio da Primeira Divisón Femenina e só o primeiro clasificado avanzará de rolda.