Conta atrás de Seoane para chegar recuperado ao comezo de liga: "Quedan 26 días por diante e estou a mellorar moito"

Pontevedra
02 de agosto 2022

O lateral granate, que forzou no tramo final da pasada campaña a pesar de arrastrar unha lesión, segue adestrando a menor ritmo que os seus compañeiros pero é optimista coa súa recuperación, confiando en chegar en condicións á primeira xornada de liga

Diego Seoane, xogador do Pontevedra CF SAD
Diego Seoane, xogador do Pontevedra CF SAD / Cristina Sáiz

Diego Seoane foi un dos futbolistas máis destacados o pasado curso no Pontevedra que logrou o ascenso á Primeira RFEF, pero no tramo final de competición unha lesión de pube obrigoulle a forzar a máquina para axudar aos seus compañeiros. Agora, aínda á marxe do grupo, mira con optimismo cara ao futuro co obxectivo de chegar plenamente recuperado á primeira xornada de liga, o próximo 28 de agosto.

"O ano pasado decidimos entre todos que había que forzar, fíxose, conseguiuse o obxectivo e a partir de aí recuperarse, creo que estamos en prazo e que vai ir ben", asegura tras exercitarse aínda este martes a menor ritmo que o resto de futbolistas no campo de Xeve.

"O que hai é que recuperarse ben", explica convencido o lateral, que seguiu traballando con esa meta durante os dous meses de vacacións. "Houbo que currar", pero era o único camiño para "non arrastrar nada porque se arrastro algo non vou ser o mesmo xogador. Quero dar o meu nivel e para iso teño que recuperarme".

Con esa obsesión traballa a diario baixo a atenta mirada do preparador físico do primeiro plantel, Dani Vilas, e do fisioterapeuta Borja Ríos. Un traballo lento pero seguro para evitar recaídas, pero no que se empezan a ver os froitos. "Agora esta última semana xa mellorei bastante, aínda que non se me vexa correr é o último paso xa, estamos no bo camiño".

Así, vendo a luz ao final do túnel, Seoane pensa xa en volver vestirse de curto. "O meu obxectivo é estar dispoñible para o 100% dos partidos, e senón para o 95%. Creo que estamos na liña, quedan 26 días e estou a mellorar moito", recoñeceu a PontevedraViva.

Seoane: "O meu obxectivo é estar dispoñible para o 100% dos partidos"

A pesar de ser un veterano con ampla experiencia, tamén en categoría superior, ao defensor ilusiónalle poder competir nunha Primeira RFEF que "vai ser unha liga moi diferente á do ano pasado, moi complicada". Por ese motivo, defende, "hai que ter paciencia, haberá momentos moi bos e outro non tan bos, e é importante manter a estabiidad".

Así, aínda que será complicado velo sobre o verde durante a pretempada, apúntase a unha competencia sa polo posto de lateral dereito no once de Antonio Fernández, un posto para o que a chegada de Ángel Bastos augura unha bonita competencia que é "benvida para todos os postos", ao mellorar ao equipo no seu conxunto.

En canto ao técnico, Diego Seoane recoñece que Antonio "está a ser continuista aínda que cos seus matices", pero o máis importante é que "é un entrandor da casa, vén con moita ilusión e é o que se necesita, trasládanos esa ilusión".