Contando os días para vivir un Rallye de Pontevedra "de moitos cambios"

Sanxenxo
15 de maio 2025

O Real Club Náutico de Sanxenxo foi escenario este xoves da presentación do VI Rallye de Pontevedra, que se celebrará o vindeiro sábado 7 de xuño

Presentación do VI Rallye de Pontevedra
Presentación do VI Rallye de Pontevedra / Concello de Sanxenxo

A sexta edición do Rallye de Pontevedra está cada vez máis preto do momento no que os motores empecen a ruxir.

A proba deportiva, organizada pola Escudería Congostra Team Sanxenxo e que pasa por ser a quinta cita puntuable do Campionato Galego de Rallyes, foi presentada oficialmente en sociedade este xoves no Real Club Náutico de Sanxenxo.

Fíxoo ademais nun ano "de moitos cambios", recoñeceu Diana Rivas desde a escuadra organizadora.

O principal deses cambios é que a actividade competitiva centrarase exclusivamente nunha maratoniana xornada de sábado, 7 de xuño.

"Todos os anos o venres tiñamos un tramo espectáculo pero este ano temos una ceremonia, e o rally comezará ás 20.00 da tarde na Praza do Mar", explicou Rivas en relación á cerimonia inaugural e presentación dos participantes.

A previsión é completar o límite de 140 participantes marcado no regulamento.

En canto á xornada de sábado, a actividade arrincará moi cedo coa saída dos participantes en dirección ao primeiro tramo cronometrado, o de Cerdedo-Cotobade, de ao redor de 15 quilómetros, ao que seguirá un novo tramo en Moraña.

Tras unha pausa á hora da comida, pola tarde a emoción trasladarase ao terceiro tramo, entre Sanxenxo e Meaño con 16 quilómetros e que pasa por ser "un dous máis longos que se fixo no campionato", para acabar despues no Concello de Barro.

En total completaranse dúas pasadas cronometradas a cada tramo.