A liga de Segunda RFEF chegou oficialmente ao seu fin, e con iso arrinca a planificación do Pontevedra Club de Fútbol para a próxima tempada.
Tras 15 días de reflexión, tempo transcorrido entre a consecución do ascenso e o último partido do campionato, chega o momento de tomar decisións na casa granate.
Fiel aos tempos que manexou nos últimos anos, na entidade de Pasarón non estableceron ningún tipo de negociación antes de dar por pecha a campaña, tampouco co seu adestrador Yago Iglesias.
Ambas as dúas partes, nas súas declaracións post-ascenso, afirmaron que a previsión era sentar a negociar esta semana que agora arrinca.
En todo caso o primeiro paso será aínda será liquidar e despedir o actual plantel, abonando as últimas cantidades pendentes de ser o caso, e é que os xogadores están citados entre este martes 6 e mércores 7 de maio para reunirse co club antes de iniciar formalmente as súas merecidas vacacións.
Neste sentido cabe lembrar que tres futbolistas teñen garantida a súa continuidade, como son Yelko Pino e as fichaxes invernais, Miguel Cuesta e Brais Abelenda, sen que teña transcendido ningún caso de renovación automática por obxectivos.
Coa maior parte do plantel finalizando contrato, algúns intúen xa que non seguirán no equipo, pero será a primeira oportunidade de comunicar as intencións de futuro en cada un dos casos.
De todos os xeitos a prioridade debe ser definir primeiro o futuro de Yago Iglesias e do seu corpo técnico.
Esa é a primeira 'pataca quente' sobre a mesa da dirección deportiva e a máis importante se se quere que o técnico poida opinar sobre a confección do novo plantel. Unha continuidade que non só depende dos resultados obtidos sobre o céspede, senón do proxecto deportivo que se expoña para o próximo curso en Primeira RFEF.
O reloxo, agora si, empezou a correr e o desenlace espérase que non tarde xa moitos días en producirse.