Convincente estrea do Cisne no sector do Nacional Xuvenil superando con claridade o Bidasoa (30-23)

Pontevedra
14 de maio 2021

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acolleu este venres a primeira xornada do sector do Campionato de España Xuvenil, na que os locais renderon a bo nivel mantendo intactas as súas opcións de avanzar á fase final

Partido entre Cisne e Bidasoa no Campionato de España Xuvenil
Partido entre Cisne e Bidasoa no Campionato de España Xuvenil /

O Club Cisne iniciou con bo pé a súa participación no sector do Campionato de Espapa Xuvenil Masculino que se celebra no Pavillón Municipal dos Deportes.

Os pontevedreses mostraron boa imaxe no seu primeiro encontro, superando con solvencia ao Bidasoa de Irún, e manteñen intactas as súas opcións de avanzar á fase final do Nacional e meterse entre os oito mellores equipos do país.

O encontro comezou con gol inicial dos vascos, pero o equipo adestrado por Víctor Castro reaccionou cun parcial de 5-0 ao seu favor que demostraba que saltaran á pista ao máximo de concentración.

A vantaxe do Cisne movíase en 3-4 goles, ata que mediado o primeiro período o equipo pegou unha nova dentada ao encontro ata un 14-5 que poñía moi difícil a vitoria ao Bidasoa a pesar de ser aínda o minuto 20 de xogo.

Os locais, cun Carlos Álvarez especialmente inspirado, chegaron ao descanso con oito goles de vantaxe (16-8).

Era importante non perder a concentración no segundo acto, que comezou cunha exclusión cisneísta e dous goles consecutivos dos de Irún. Pero foi un espellismo, e o Cisne non só controlou á perfección a súa vantaxe senón que a levou á contorna da decena de goles (21-11) sen deixar aberta a opción á remontada.

Ao final o marcador reflectiu un 30-23 maquillado lixeiramente nos últimos minutos que consolida ao Cisne como aspirante ao primeiro posto, para o que tamén se perfila un Ademar de León que venceu no seu partido o Finetwork Gijón (30-25).

Este sábado, en horario matinal, a competición continúa cos partidos entre Ademar e Bidasoa (10.30 horas) e entre o Cisne e o Gijón (12.30 horas).