Conxura teucrista para empezar a sumar no comezo da 'súa liga'

Pontevedra
02 de novembro 2018

Despois dun inicio de tempada marcado polo esixente calendario, o equipo pontevedrés recibe este sábado (20:30 horas) no Municipal a un rival directo como o Ángel Ximénez de Puente Genil, co que está empatado na última praza. O choque "marcado en rojo" para os azuis, recoñece o seu adestrador, Luís Montes

Partido entre Teucro e Ademar León no Municipal
Partido entre Teucro e Ademar León no Municipal / Mónica Patxot

A Liga Asobal regresa este sábado ao Pavillón Municipal dos Deportes (20:30 horas) despois de varias semanas, entre encontros a domicilio e o parón da competición, e faino cun dos duelos que está "marcado en rojo" no calendario, recoñece Luís Montes.

A Sociedade Deportiva Teucro deixa atrás un esixente comezo de tempada para recibir a un, a priori, rival directo como o Ángel Ximénez de Puente Genil, co que está empatado a puntos (3) na parte baixa da clasificación.

"Se viene una fase de calendario más acorde a nuestro nivel", sinala Montes, que quere empezar a sumar canto antes para tomar aire na táboa e gañar en confianza. Para iso, explica, "va a ser fundamental que mejoremos en prestaciones defensivas", asegura en relación á imaxe mostrada nas dúas últimas saídas a  Granollers e Irún.

Os azuis aproveitaron o parón de Asobal para recuperar a homes que arrastraban diversas molestias físicas, como Samu Gómez, Cutura, Dani Hernández  Santana ou Rial. Todos eles perdéronse algunha das sesións de adestramento nas últimas semanas, pero o técnico confía en poder contar co plantel ao completo. Dispoñibles estarán tamén Sergio Pérez e Domingo Luís tras a súa participación nos Xogos Olímpicos da Mocidade.

Os xogadores conxúranse tamén para lograr dous importantes puntos, e tal e como sinala Iván Fernández "jugamos en casa y tenemos que hacer valer ese punto a nuestro favor".

Por parte o Ángel Ximénez o seu adestrador, Julián Ruíz, non terá problema de efectivos en Pontevedra, xa que o seu equipo chega coa única ausencia de  Amorin, lesionado de longa duración.

Os colexiados do encontro serán García Mosquera e Rodríguez Rodríguez, do comité territorial galego.