Marín vivirá unha fin de semana deportiva ao grande, pois ademáis da Carreira Carmiña e o partido de play-off de ascenso do Marín Futsal hai que sumar a celebración do Xaxán Bike 2026.
A proba, organizada polo XSM Club, reunirá a preto de 600 ciclistas nunha xornada tan intensa como emocionante na que estará en xogo o maillot gañador dunha Copa Galicia XCO que chega ao seu fin nesta undécima etapa.
E é que a recta final desta competición xa deixou unha emocionante xornada a pasada fin de semana coa celebración da IV XCO Poio.
Á presentación da cita acudiu o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, así como representantes do club organizador.
O edil destacou na súa intervención que "o Xaxán Bike é unha oportunidade para que se vexa o seguimento que ten o ciclismo na nosa cidade"
A xornada comezará o sábado pola mañá coa celebración dunha proba de Mini BTT para nenos e nenas e, xa pola tarde, chegará o prato forte da fin de semana coa final da Copa Galicia XCO.
Continuará a acción no monte marinense o domingo pola mañá cunha proba de Mini DH, descenso para os máis pequenos.
Desde o Concello animan a veciñanza a achegarse para gozar dun Xaxán Bike que promete emocións fortes e, por outro lado, destacan o compromiso de Marín co deporte e os hábitos de vida saudables.