A Copa do Rei xerou "case medio millón de euros" para o Pontevedra

Pontevedra
29 de decembro 2025
Actualizado: 20:53

O club granate pechou o último exercicio (tempada 24-25) cun superávit de 126.674 euros, segundo revelouse na Xunta Xeral de Accionistas celebrada no Estadio Municipal de Pasarón

Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas do Pontevedra CF
Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas do Pontevedra CF / PontevedraViva

O Pontevedra Club de Fútbol celebrou este luns no Estadio Municipal de Pasarón a súa Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas, expoñendo as contas da entidade a exercicio pechado o pasado 30 de xuño, é dicir, cos números correspondentes á tempada 24-25.

Uns números nos que destacaron as cifras ingresadas pola participación na Copa do Rei, avanzando até os oitavos de final chegando a enfrontarse a tres equipos da Primeira División.

Neste sentido segundo explicou Enrique Mariño, conselleiro encargado da parcela económica, "case medio millón de euros xerouno a Copa do Rei", cunha partida de ingresos por competicións que se disparou até os 623.402 euros (polos 235.355 euros da tempada anterior). A iso súmanse os 485.168 euros ingresados por abonados e socios (167.511 euros máis).

Con ese aumento de ingresos o superávit foi despois de impostos de 126.674 euros, xa que os gastos foron finalmente a 2.244.008 euros ao incrementarse en máis de medio millón a previsión aprobada na xunta anterior.

Isto explícase, segundo o propio Mariño, porque "o ingresado na Copa do Rei aproveitámolo para sanear o balance e sobre todo baixar o endebedamento".

Nese apartado en concreto, a débeda total do club reduciuse a 30 xuño até os 818.347,48 euros (polos 974.083 euros reflectidos na anterior reunión cos accionistas).

Na Xunta Ordinaria aprobouse ademais un orzamento para a presente tempada 25-26 en Primeira RFEF de 2.375.167,96 euros.

No encontro acudiron 57 accionistas do club granate, representando o 69,42% total das accións. Todo iso cun Consello de Admnistración con cinco dos seus integrantes (Lupe Murillo, Juan Abal, Enrique Mariño, Manuel Ruibal e Ricardo Tilve), coas ausencias de Charles e de Diego Murillo, o primeiro por non atoparse na cidade e no último caso "por un proceso gripal", xustificou a presidenta.

No seu informe da tempada, Lupe Murillo afirmou que se pechaba unha tempada que "a nivel social creo que foi un éxito para a cidade".

A dirixente defendeu ademais, para pór en perspectiva o éxito deportivo conseguido, que examinados os orzamentos finais dos equipos contra os que competiron "dos 90 clubs de 2ª RFEF o Pontevedra Club de Fútbol era só o oitavo con maior orzamento".

Por último confirmou que na actualidade a entidade granate conta con "case 3.900 socios" e mostrouse pouco partidaria a lanzar unha campaña de abonados para a segunda volta do campionato porque "a min gústame que a xente suba ao carro desde o principio", defendeu.