Coruxo-Pontevedra: Á terceira vai a vencida?

Pontevedra
06 de outubro 2023

O Pontevedra Club de Fútbol visita este domingo 8 de outubro (17.00 horas) por terceira vez este curso o campo do Vao, tras un amigable no verán e un encontro de Copa Federación. En ambos os dous casos o triunfo foi local, pero Yago Iglesias confía esta vez en poder voltear a situación porque "a liña ascendente do equipo é clara". Borja Domínguez e Barbeiro por lesión e Samu Mayo por sanción, baixas nos granates

Churre e Rufo, adestrando co Pontevedra na Xunqueira Cristina Saiz

Momento importante da tempada para o Pontevedra Club de Fútbol, que tras dous empates nas súas primeiras dúas saídas do curso afronta dous encontros consecutivos fóra da casa que poden supoñer un punto de inflexión para o equipo adestrado por Yago Iglesias na súa loita por achegarse ao primeiro posto.

A primeira desas citas será a do próximo domingo 8 de outubro (17.00 horas) fronte ao Coruxo no Vao, estadio que visitan por terceira vez esta campaña tras un amigable en pretempada e unha eliminatoria de Copa Federación. En ambas as dúas ocasións o triunfo foi local, pero Yago Iglesias confía esta vez en poder voltear a situación porque "a liña ascendente do equipo é clara".

"Somos conscientes de que é un desprazamento complicado, pero é unha oportunidade", defende o técnico avisando que "a clasificación non fai xustiza ao que o Coruxo é como equipo", tras sumar só catro puntos nas cinco primeira xornadas de competición e estar situado en zona de descenso.

Despois chegará a visita ao feudo do líder Zamora, pero Yago prefire centrase primeiro no Coruxo e no "aspecto positivo que deses dous partidos o primeiro é aquí preto, e esperamos contar coa nosa afección", sinalou en relación á esperada presenza de seguidores granates no Vao.

A ausencia de Samu Mayo no centro do campo por sanción abre a opción no Pontevedra de cambiar non só de home no once titular senón mesmo de sistema, e é que "temos variables en canto a debuxo. Levamos toda a semana traballando na nosa idea", explica o preparador lembrando que adoita mover as súas pezas. "Só repetimos once unha vez, é a nosa dinámica", asegura.

Ademais de Mayo e do lesionado de longa duración Marcos Barbeiro, seguirá sen entrar na convocatoria Borja Domínguez, ao que "cada vez quédalle menos" para superar o contratempo muscular que sufriu na primeira xornada de liga.