"Non traio as mellores noticias".
Con este encabezado arrincaba a confirmación por parte de Cristian Fernández da súa renuncia a competir no Campionato de Europa de Acuatlón que se vai a celebrar o próximo 15 de maio en Pamplona, e para o que fora convocado en categoría elite pola Federación Española de Tríatlon.
A culpa desta decisión tena "unha inoportuna lesión", recoñece.
Un problema que compromete ademais a súa preparación para o gran obxectivo da tempada, o Campionato do Mundo da especialidade que se celebrará a finais de xuño en Pontevedra dentro dos Mundiais Multideporte.
Por ese motivo "toca centrarse en recuperarme o antes e o mellor posible" porque "quedan obxectivos bonitos por diante", recoñece nun post nas súas redes sociais o que foi campión mundial de acuatlón en 2023.
Trátase de "outro bache máis nestes dous anos tan complicados", explica Cristian en referencia aos problemas de saúde que atravesou.
Pese ao contratempo, non perde en todo caso o pensamento positivo convencido de que "unha vez máis, toca levantarse e continuar. Isto non acaba aquí".
Ademais da medalla de ouro mundial en 2023, Cristian Fernández foi bronce o pasado ano en Australia, un podio que soña con repetir en xuño en Pontevedra rodeado de todos os seus.