Cristina Díaz-Pache, cuarta xogadora confirmada no Arxil

Pontevedra
06 de xullo 2019

A ala-pívot, cuxo rendemento estivo lastrado o último ano por lesión, únese así á recente renovación de Carla Fernández, á de María Lago e á fichaxe da sueca Linnea Rosendal como pezas confirmadas para o novo proxecto deportivo do equipo pontevedrés

Cristina Díaz-Pache, nun partido entre Arxil e GDKO Ibaizábal no CGTD Diego Torrado

A composición do novo proxecto deportivo do Club Baloncesto Arxil avanza a paso lento pero segundo.

O conxunto pontevedrés confirmou este sábado á que é a cuarta peza do equipo de Liga Feminina 2, coa renovación de Cristina Díaz-Pache.

A ala-pívot seguirá un ano máis no cadro arxilista. Será o seu oitavo curso en Pontevedra, onde aterrou no seu primeiro ano como xogadora sénior.

Díaz-Pache tentará afianzarse de novo no primeiro equipo, despois dunha última campaña na que unha inoportuna lesión na xornada 4 deixouna fóra durante boa parte da liga, ata 16 partidos, cando estaba a ser importante na rotación de Mayte Méndez con case 20 minutos de media por encontro.

Cristina súmase así á recente renovación de Carla Fernández, á anunciada previamente de María Lago e á fichaxe da sueca Linnea Rosendal como xogadoras confirmadas no Arxil 2019/2020.