Cuarta e quinta medalla para Bea Gómez na xornada final do Nacional de Inverno

Pontevedra
01 de decembro 2013

A nadadora do Galaico repite o resultado do sábado e cólgase dúas novas medallas, prata e bronce, para facer un total de cinco en todo o Campionato de España en Piscina Curta celebrado en Castellón

Bea Gómez durante o Campionato de España Open en Ponte Muíños
Bea Gómez durante o Campionato de España Open en Ponte Muíños / Diego Torrado

Bea Gómez repetiu o resultado do sábado colgándose dúas novas medallas na xornada definitiva do Campionato de España de Inverno celebrado este fin de semana en Castellón.

A nadadora do Galaico logrou unha prata e un bronce para facer un total de cinco metais nas tres xornadas de competición.

En horario matinal a pontevedresa nadou os 100 libres, unha proba dominada por Melanie Costa (53.88), seguida de Fátima Gallardo (54.95) e a propia Bea, que pechou o podio cunha marca de 55.28.

Xa pola tarde foi a quenda dos 200 estilos, onde a deportista do Galaico só foi superada, e por escasa marxe, por Mireia Belmonte (2.09.09) finalizando en segundo lugar e batendo o récord galego da distancia en piscina de 25 metros (2.10.93).

En total tres platas e dous bronces de balance para Bea Gómez a escasas dúas semanas de afrontar o Campionato de Europa de Inverno de Herning, en Dinamarca.

Pola súa banda Iria García, que competía nos 800 metros libres, finalizou no vixésimo sétimo lugar cun tempo de 9.04.99.