A derrota contra o Zamora pode ser a pinga que colme o vaso da paciencia do Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol.
Nada máis concluír o partido os dirixentes granates reuníronse de urxencia para valorar a actual marcha do equipo e se é conveniente afrontar unha substitución no banco en detrimento de Jesús Ramos.
Sete xornadas consecutivas sen gañar son xa unha laxa pesada para o técnico marinense, un home da casa que asumiu no verán o reto de comandar un proxecto que aspiraba a pelexar polo ascenso de categoría e que agora ve seriamente comprometidas as súas opcións mesmo de meterse na Segunda B PRO ou Primeira RFEF a próxima campaña.
O tempo xoga ademais en contra para o Pontevedra, xa que o vindeiro mércores afrontará un novo partido de liga en Pasarón, o duelo aprazado no seu día ante o Guijuelo.