A pesar de que non houbo liga en Primeira División Feminina esta fin de semana, o Club Waterpolo Pontevedra disputou fronte ao CN Vallirana o encontro aprazado da xornada 16.
Fíxoo cunha vitoria por 9-6 no Complexo Deportivo Rías do Sur, resultado que devolve ás pontevedresas á senda da vitoria tras perder fronte aos dous primeiros equipos da clasificación de forma consecutiva.
Foi un encontro que colleu ritmo co paso dos minutos, pois o primeiro cuarto transcorreu con dúas expulsións e un penalti fallado para cada equipo, pero sen ninguén que inaugurase o marcador.
O inicio do segundo tempo mantivo a mesma dinámica con outros dous penaltis fallados, un por cada bando. Finalmente foi a brasileira Anna Beatriz quen adiantou ao CW Pontevedra a falta de catro minutos para o descanso (1-0).
Desaproveitou Ariana Collazo a posibilidade de facer o 2-0 cun lanzamento de penalti, situación que si materializou Ivett Candalera para facer o tanto do empate do CN Vallirana. Aínda restaban minutos do segundo tempo e Carmen Díaz logrou cun novo gol de penalti adiantar ao cadro lerezano antes do ecuador do partido (2-1).
O terceiro cuarto serviulle ao equipo de Arthur Neves para ampliar a súa vantaxe. Anna Beatriz anotou o 3-1 ao pouco de renovarse o partido e, aínda que Bianca Barlocco puxo o 3-2 un minuto despois, os goles de Alba Rodríguez e Rocío Ferreira mandaron o encontro ao último tempo con 5-2 no marcador.
Con este resultado tan favorable para o equipo pontevedrés arrincou un último cuarto especialmente goleador por ambos os bandos. Unha gran Anna Beatriz facía o sexto tanto do encontro aos dous minutos e Bianca respondía co 6-3.
O gol de Alba Rodríguez a seis minutos do final (7-3) parecía dar tranquilidade ás locais, pero dous tantos en medios minuto de Bianca dábanlle unha emoción inesperada ao partido, que se puña 7-5 con cinco minutos por diante.
Non dubidou o CW Pontevedra, que cunha Anna Beatriz inspirada no plano anotador rompeu a dinámica do cadro catalán para porse 8-5. Aínda que Bianca continuou a súa particular exhibición cun novo tanto de penalti, Andrea Andión pechou o partido co definitivo 9-6.
Este resultado deixa ao equipo pontevedrés terceiro e asentado nesas catro primeiras posicións que dan acceso ao play-off de ascenso. A competición detense para as lerezanas, que a retomarán o 11 de abril recibindo en casa ao Leioa WP.
Consulta as estatísticas neste enlace.