Pasaron xa días desde que finalizase oficialmente a tempada para o Pontevedra Club de Fútbol, e tras un tempo para asimilar a súa nova situación Dalisson de Almeida publicou unha mensaxe para despedirse da que foi a súa afección as dúas últimas tempadas.
O futbolista hispano-brasileiro, que xogará a próxima campaña no Córdoba da Segunda División tras o seu espectacular curso en Pasarón, escolleu as súas redes sociais para falar por primeira vez tras a súa saída do club.
Una vez granate, siempre granate ❤️🦴 pic.twitter.com/gCeORT6wBx
— Dálisson de Almeida 🦴 (@AlmeidaDalisson) May 20, 2025
"Chega o momento de dicir adeus, e non é fácil atopar as palabras cando se deixa atrás algo tan grande como o Pontevedra CF", comeza asegurando o máximo goleador do Pontevedra na liga recentemente finalizada.
"Grazas, de corazón, a toda a afección. A vosa paixón, o voso alento en cada partido, en casa ou fóra, foi un motor constante. Fixestes que vestir esta camiseta teña un significado especial, e iso non se esquece nunca", afirma.
Dalisson non se esquece nas súas palabras dos seus compañeiros e tamén do corpo técnico, recoñecendo que "o crecemento que tiven aquí débovolo en gran parte".
Por todo iso, e xa convertido nun auténtico ídolo pola afección pontevedresa, o atacante asegura que fai as maletas "con nostalxia, pero tamén con orgullo e agradecemento".
Porque o vivido na Boa Vila non se esquecerá tan facilmente. Non en balde foi o seu trampolín definitivo cara ao fútbol profesional, e por iso "o Pontevedra será sempre parte de min, e alá onde vaia, levarei este escudo no corazón".
A de Dalisson de Almeida é a primeira depedida oficial no plantel granate, á espera de coñecer os plans da dirección deportiva do club co resto de futbolistas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.