Acabou a espera. O Pontevedra Club de Fútbol deu oficialmente o pistoletazo de saída á nova tempada sacando á luz a súa campaña de abonados.
Despois de semanas sen apenas movementos públicos, a entidade granate confirmou este luns unha das informacións que adoitan esperar con máis ganas os seus seguidores.
Fíxoo ademais con premio para os máis fieis, xa que se manterán os prezos a todos os afeccionados que renoven o seu carné antes do 6 de xuño, ademais de ofrecer condicións especiais.
Darse présa en retirar o abono permitirá por exemplo acceder a todos os partidos que dispute o Pontevedra como local a próxima tempada, xa sexa en Primeira RFEF ou na Copa do Rei (de facelo máis tarde tanto a Copa como un posible play-off ou play-out non estarán incluídos), e tamén permitirá acceder a unha prevenda exclusiva da nova camiseta.
Desta forma os máis madrugadores pagarán o mesmo que en Segunda RFEF, cunha cota de 205 euros na bancada de Tribuna, 135 euros en Preferencia e 90 euros nos fondos, un prezo que para os bonificados (desempregados, persoas con incapacidade permanente ou xubilados) será de 140, 90 e 70 euros respectivamente, mentres que os peñistas abonarán 90 euros en Preferencia e 70 euros nos fondos. Por último a categoría Xoven ten unha cota de 60 euros en Tribuna, 55 en Preferencia e 50 nos fondos e a Infantil de 35 euros en Tribuna e 30 euros no resto de bancadas. Ademais o carné 'biberón' mantense en 10 euros, o de palco en 600 euros e o da 'bancada granate', situada en Preferencia e destinada a afeccionados nados entre 2000 e 2012, en 40 euros.
Estes prezos ofreceranse tamén a un novo abonado se vai da man dun socio.
En canto ás renovacións xestionadas a partir do 7 de xuño terán unha recarga de 10 euros.
Pola súa banda as novas altas, tamén a partir desa data, deberán afrontar unha cota 20 euros superior en cada unha das categorías.
Tamén estará dispoñible a categoría 'Diáspora granate' para residentes de fóra de Galicia, que por 50 euros permitirá manter o número de abonado e obter un 30% de desconto en até catro partidos da tempada.
𝙶𝚁𝙰𝙽𝙰𝚃𝙴®️
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) May 19, 2025
Para vós, GRANATES DE PRIMEIRA 😍
📢 Por estar sempre ao noso carón, a vosa fidelidade ten premio 🏆
👉 Renova o teu abono para Primeira RFEF ata o 6 de xuño e mantén o prezo da pasada tempada
👉 Ademais, terás un carné con un deseño moi especial ♥️ pic.twitter.com/DB01yyBFIW