Os tres triunfos consecutivos, en especial o conseguido en Zamora, cun balance de 11 goles a favor e ningún en contra situaron o Pontevedra Club de Fútbol nunha nube da que os futbolistas queren por agora manterse á marxe.
Así o asegurou este mércores Dalisson de Almeida nunha comparecencia ante os medios de comunicación celebrada no Estadio Municipal de Pasarón, na que confirmou o bo ambiente que se respira actualmente no vestiario granate.
"Estamos moi contentos", asegura o atacante, pero tamén "estamos tranquilos, cos pés na terra porque queda moito por diante", defende.
De feito o extremo non perde a perspectiva porque "nin antes eramos tan malos ao perder o primeiro partido nin agora tan bos", polo que deben xa centrarse no próximo compromiso ligueiro fronte ao Real Oviedo Vetusta en Pasarón.
Para Dalisson a estas alturas da tempada "o importante é ir sumando puntos, e sobre todo fóra non perder".
O 18 granate asegura estar xa perfectamente adaptado ao seu novo equipo e ao esquema que propón Yago Iglesias co que "creamos moitísimas ocasións". Así o demostran as súas sete titularidades nas sete xornadas disputadas e tamén os tres goles que xa sumou, aínda que todos fosen lonxe da casa. Por iso "teño ganas de estrearme aquí", afirma sobre o Estadio Municipal de Pasarón e sobre o apoio duns afeccionados que en Zamora "fixéronse notar moitísimo".