O gol é cousa de todos no Pontevedra

Pontevedra
23 de outubro 2023

Ata once futbolistas 'mollaron' xa esta tempada no equipo granate, con achega desde todas as liñas e tamén do banco de suplentes, desde onde chegaron cinco goles no que vai de curso. O Pontevedra é o equipo con mellor diferencial ao seu favor das catro principais categorías do fútbol español

Terceiro gol do Pontevedra na partida fronte ao Real Oviedo Vetusta en Pasarón
Terceiro gol do Pontevedra na partida fronte ao Real Oviedo Vetusta en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol segue de doce, tras sumar fronte ao Real Oviedo Vetusta o seu cuarto triunfo consecutivo e o seu cuarto partido coa meta a cero. Neste intervalo os granates anotaron ata 14 goles, cunha gran eficacia ofensiva, o que situou ao equipo como o que ten un mellor diferencial ao seu favor nas catro principais categorías do fútbol nacional.

Con 23 tantos anotados e 4 encaixados o Pontevedra acumula un +19 ao que só se lle achega o Castellón na Primeira RFEF (+18). En Primeira División o mellor dato é do Atlético de Madrid (+15) e en Segunda División do CD Leganés (+14).

Pero os datos reflicten ademais o rendemento que están a ofrecer todas as liñas do persoal adestrado por Yago Iglesias, e é que o gol está a ser cousa de todos. Ata once futbolistas 'mollaron' esta tempada, repartindo unha responsabilidade que non só está a recaer na dianteira.

Máis aló dos 5 goles de Rufo e os 5 de Yelko Pino, viran porta ata o duelo contra o filial ovetense Álex González (3), Dalisson (3), Ángel Bastos (1), Hermelo (1), Garay (1) e Chiqui (1), sumándose á lista o domingo Samu Mayo, Valentín Jaichenco e Charly.

As estatísticas falan ademais de que cinco deses goles chegaron desde o banco, e mesmo a defensa está a achegar na faceta realizadora.

Para poñer en contexto os datos, o pasado curso a estas alturas só cinco futbolistas marcaran un gol, e só dous desde o banco de suplentes. Un ano antes, na 21-22, seis eran os xogadores que lograran marcar, tamén con dous tantos desde o banco e con Charles e Rufo centrando a maioría de dianas (seis cada un), mentres que na 20-21 na xornada 8 de liga oito xogadores granates tiñan celebrado un gol, pero ningún deles partindo desde o banco.

Uns números que o Pontevedra tentará seguir engordando a próxima xornada na súa visita ao campo do Real Avilés (domingo 19, 12.00 horas), actual undécimo clasificado con 9 puntos.