O Pontevedra Club de Fútbol vive un momento doce, tras catro triunfos consecutivos nos que exhibiu unha gran pegada e tamén mantivo a súa portería a cero, colocando o equipo a dous puntos do liderado, pero "é fundamental que manteñamos a unidade", avisa un dos xogadores máis en forma dos granates, Yelko Pino.
O centrocampista, que compareceu este mércores ante os medios de comunicación, avisa que "é importante que o equipo salga a gañar e que non se confíe", consciente de que chegarán "partidos máis duros".
"Isto non é nada fácil, non vai ser a realidade de todo o ano", defende o 10 do Pontevedra sobre as últimas goleadas.
Uns resultados nos que tivo boa parte de culpa, e é que Yelko está a mostrarse máis realizador que nunca en toda a súa carreira. Acumula xa cinco tantos e colaborou ademais con varias asistencias, sendo unha peza clave para Yago Iglesias. "O esquema que temos dá pé a que chegue máis á área, estou a sentirme moi agusto, pero queda moita liga e espero marcar moitos máis porque o equipo necesítao", explica.
No horizonte aparece como próximo reto a visita a un dos teóricos aspirantes aos primeiros postos, a pesar de que o Real Avilés comezase o curso de maneira irregular. "É un equipo de garantías e con grandes xogadores que polo que sexa non empezou ben", afirma Yelko, que espera en Asturias un "partido bonito de dous equipos que tentan propoñer", e no que poidan prolongar o seu bo momento de xogo e resultados.