O Pontevedra Club de Fútbol viviu este venres unha noite de Reis anticipada. Dalisson, Yelko e Rufo vestíronse dos Magos de Oriente para regalar ilusión a un Pasarón ateigado co pase histórico a oitavos de final da Copa do Rei despois de 53 anos.
Xa tiña avisado na previa Jagoba Arrasate, adestrador do Mallorca, que o seu equipo non se podía permitir ningún descoido no que, para el, era unha partido trampa.
Con todo, non foron os descoidos os que condicionaron ao conxunto bermellón, senón a ambición e ganas de desquite dun conxunto granate que volveu vivir unha noite máxica que lembra á época do 'Hai que Roelo'.
E é que si, a este Pontevedra 'hai que roelo' e non se deixa amedrentar por ningún equipo de Primeira División, saltando ao terreo de xogo coas ideas claras e disposto, como de costume, a facer o seu xogo e levar o control do partido, dominando a un Mallorca que buscaba porta aos 30 segundos cun disparo de Antonio Sánchez que Manu Vizoso atallaba sen problemas.
Até aí foi todo. Os granates fixéronse coa posesión e o conxunto balear optou por esperar en campo propio a oportunidade de saír xogando e chegar rápido a área dun equipo local que replegaba á mesma velocidade e desbarataba calquera opción.
Alcanzouse así o minuto 17 de xogo, instante no que o Pontevedra gozou da ocasión máis clara até o momento. Pelayo enviou en longo a Dalisson, este deulla a Xabi e despois a Yelko, que fixo un cambio de orientación á esquerda desde onde Chiqui sacou un disparo cruzado que se foi rozando o poste.
Tres minutos despois, chegou a tolemia. Xabi roubou o esférico en tres cuartos de campo e deullo a Dalisson, quen viu ao porteiro un pouco adiantado e, sen dubidalo, xutou a portaría, enchufando o balón no interior da rede e desatando o delirio entre a afección.
Sufría o Mallorca e gustábase o Pontevedra, que en lugar de ceder o control ao seu rival, seguía creando perigo con balóns en longo a Xabi e Dalisson e correndo ás costas da defensa visitante.
Pasada a media hora de xogo, o cadro balear deu un paso adiante. Navarro realizou unha maxistral xogada individual ao bordo da área lerezana e envioulle o balón entre liñas a Abdón, quen tentou bater a Manu Vizoso, pero no seu lugar xutou fóra.
Estaba a saír todo como unha seda aos granates, pero chegou o xerro de auga fría en forma lesión. Corría o minuto 36 de xogo e Chiqui, despois dunha acción ofensiva, sentiu molestias musculares e tivo que ser substituído por Álex González.
Alcanzábase a recta final do primeiro acto e o Mallorca quería dar un paso adiante para, polo menos, irse ao descanso cun empate, pero en lugar diso foi o Pontevedra o que volveu avisar. Primeiro cunha falta de Dalisson desde a media lúa e despois cun disparo desde o bordo da área de Yelko, pero ambos se foron fóra.
Co inicio da segunda metade a euforia regresou a Pasarón. Apenas se cumpriron 3 minutos e o balón chegou á banda dereita, Xabi puxo un centro e Yelko apareceu desde atrás para, de primeiras, enchufar o balón na escuadra e asinar un auténtico golazo que subía o 2-0 e permitía soñar aos granates.
A raiz do tanto, o ambiente empezouse a caldear. Os nervios comían aos xogadores do Pontevedra e os bermellones buscaban custe o que custe o gol que os metese de novo no partido. En lugar diso, pasada a hora de xogo chegaron os cambios en ambas as escuadras. O conxunto local deu entrada a Rufo e Garay en lugar de Xabi e Javi Fontán, e o Mallorca realizou unha tripla substitución, entrando Muriqui, Larín e Dani Rodríguez por Abdón, Asano e Valery.
Buscaban así os visitantes un revulsivo pero foi o Pontevedra o que, contra todo prognóstico, volveu golpear. Copete buscou o pase atrás a Leo Román e Rufo interceptou o esférico para facer o 3-0 a portaría baleira.
Pasaban os minutos e os granates xa tiñan pé e medio en oitavos de final. Álex González sacaba un mísil desde o frontal que se ía rozando o traveseiro e mentres, Jagoba Arrasate, buscaba á desesperada que o seu equipo se metese no partido e expuña unha ofensiva con tres dianteiros que Yago Iglesias buscaba neutralizar con cinco defensas.
Pero a pesar dos intentos dos bermellones, o Pontevedra mantívose firme, non se deixou amedrentar e levou o triunfo, logrando así, 53 anos despois, o pase a oitavos de final de Copa do Rei e alargando o soño copeiro dunha afección que nunca deixou de crer neste equipo.
PONTEVEDRA CF (3): Manu Vizoso, Javi Fontán (Garay, min. 66), Mario Gómez, Iago Novo, Yelko (Rares, min. 82), Chiqui (Álex González, min 36), Samu Maio, Xabi Domínguez (Rufo, min. 66), Dalisson, Pelayo e Héctor (Igor, min. 81).
RCD MALLORCA (0): Leo Román, Mateu Jaume, Toni Lato, Mascarell (Chiquinho, min. 74), Copete, Abdón (Muriqui, min. 66), Asano (Larín, min. 66), Valery (Dani Rodríguez, min. 66), Antonio Sánchez (Darder, min 45), Valjent e Navarro.
Árbitro: Alejandro José Hernández Hernández (Canarias), auxiliado nas bandas por José Enrique Naranjo Pérez e Marcos Cerdán Aguilar. Amoestaron a Javi Fontán(53'), Yelko (54') no Pontevedra, e a Dani Rodríguez (77') no Mallorca. Tamén mostraron amarela a Yago Iglesias (24'), adestrador do Pontevedra.
Goles: 1-0 Dalisson (minuto 21). 2-0 Yelko (minuto 48). 3-0 Rufo (minuto 72).
Incidencias: Partido de dezaseisavos de Copa do Rei disputado no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra ante 10.292 espectadores.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.