Os inquilinos das vivendas militares, nun limbo legal: "Sentímonos traizoados"

Pontevedra
19 de xullo 2026

Os residentes nos edificios que o INVIED ten en Pontevedra anuncian accións xudiciais se non se reactiva a venda das vivendas, suspendida de maneira unilateral

Vivendas militares
Vivendas militares / Mónica Patxot

"Quedámonos como a aldea de Astérix". É a frase que mellor resume a sensación que teñen a cerca do centenar de residentes das vivendas militares situadas entre Xeneral Rubín, Manuel del Palacio e Rosalía de Castro.

Así o subliña José María Fernández Vázquez, un militar retirado de 71 anos que, como moitos dos seus conveciños, leva máis de dúas décadas vivindo neste complexo residencial propiedade do Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED).

El púxose á fronte dunha plataforma coa que todas estas persoas denuncian que Defensa está a cometer con eles un "grave e inadmisible agravio" ao suspender a venda das vivendas que lles prometeran.

"Sentímonos traizoados e abandonados", relata a PontevedraViva o portavoz dos afectados, que lamenta que "cando parecía que todo estaba arranxado" o ministerio deu marcha atrás e deixounos nun auténtico "limbo legal".

Ningún deles pide nada que non recolla a normativa vixente. Estas vivendas, que lles foron asignadas cando foron destinados a Pontevedra, deberon podelas adquirir, como fixeron miles de compañeiros no resto de España, alá por 2005.

Pero o atraso no convenio urbanístico que o INVIED debía asinar co Concello de Pontevedra -que se demorou até 2020- impediu que puidesen comprar as vivendas, todas elas enaxenables, que levan habitando como arrendatarios desde hai máis de vinte anos.

A sorpresa desagradable chegou hai uns meses. Defensa acordou unilateralmente suspender a venda destes pisos e xa nos lle dá a oportunidade de compralas. Queren ofrecerllas a militares en activo que teñan problemas para atopar vivenda.

"Vendéronas en toda España e non houbo problemas. Nós quedamos para o final e agora dinnos que non", lamenta José María Fernández Vázquez, que asegura que o compromiso do INVIED "paralizounos a todos a vida".

Moitos deles tiveron oportunidade, en tempos mellores para o mercado inmobiliario, de adquirir outras propiedades "pero non as compramos porque nos prometían estas". Agora, coa maior parte deles xa xubilados, "non sei onde queren que nos vaiamos".

Ao longo dos últimos anos, ademais de convivir coa deterioración constante dos edificios, os inquilinos presenciaron "situacións moi penosas". Houbo inquilinos aos que Defensa "os botou das súas casas", fillos dos titulares orixinais do arrendamento.

Se o INVIED vendera as vivendas no prazo legal habilitado "agora eses pisos serían seus" e poderían seguir residindo neles, despois de pasar moito tempo "coidando dos seus pais" e confiando en que poderían herdar o inmoble.

Debido á súa actual situación legal decidiron organizarse e contactaron cun avogado, Calixto Escariz, que xa derrotou ao Ministerio de Defensa nos tribunais no preito da comunidade de montes de Salcedo polos terreos da Brilat.

Esixen que Defensa proceda de maneira "inmediata" a venderlles as súas vivendas e que adopte medidas correctoras para paliar a discriminación sufrida polos usuarios de Pontevedra, entre elas indemnizacións económicas.

Así, reclaman que se lles compense polas reformas que fixeron coa previsión da venda das vivendas, a perda de beneficios fiscais dos que si gozaron outros compradores ou as peores condicións actuais de acceso a financiamento bancario.

O CONCELLO, SEN NOTICIAS

Consultados por PontevedraViva, desde o goberno municipal de Pontevedra aseguran que, polo momento, o INVIED non lles comunicou formalmente a súa decisión de non vender esas vivendas aos seus arrendatarios como estaba previsto.

En todo caso, aseguran que apoian os seus lexitimas reclamacións e lembran a Defensa que o convenio asinado no seu día, entre outras cláusulas, recollía ese compromiso.

Consideran que esa decisión é vinculante e advirten de que, se non se respecta o pacto alcanzado e se cambian os termos de maneira unilateral, resérvanse o dereito de denunciar o convenio ou, mesmo, romper o acordo alcanzado.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora