Damià Sabater, novo xogador do Pontevedra

Pontevedra
18 de xaneiro 2021

O centrocampista balear, con experiencia na Segunda División en equipos como Mallorca e Lugo, é a primeira fichaxe invernal do club granate. Chega co obxectivo de reforzar a zona medular tras as lesións de Romay e Adrián Cruz

Damià Sabater, novo xogador do Pontevedra
Damià Sabater, novo xogador do Pontevedra

O Pontevedra Club de Fútbol xa ten ao centrocampista que buscaba para reforzar unha parcela do campo que quedara xusta de efectivos tras as lesións de Romay e Adrián Cruz.

Trátase de Damià Sabater, futbolista balear de 24 anos que procede do equipo de La Nucía, oitavo clasificado do Subgrupo III- B da de categoría de bronce do fútbol nacional.

Damià xogou esta campaña en 8 dos 9 encontros de liga do seu equipo, participando en 6 como titular.

Antes diso e a pesar da súa idade, o novo xogador granate acumulou experiencia na Segunda División con 50 partidos repartidos entre o Mallorca e o Lugo, Ademais pasou polas filas do Espanyol B nos últimos anos e foi protagonista do último ascenso do Mallorca á categoría de prata.

Espérase que o centrocampista se incorpore aos adestramentos tras a xornada de descanso, podendo estar dispoñible para o técnico para a visita da fin de semana ao feudo do líder, Unionistas de Salamanca.