Non entraba nos plans iniciais do Pontevedra Club de Fútbol, pero a situación cambiou ante a preocupante lesión sufrida por Rufo o pasado domingo fronte ao Racing de Ferrol.
A pesar de que as primeiras probas, cunha radiografía, descartan que o ariete madrileño sufra algunha rotura ósea no seu ombreiro esquerdo, non será previsiblemente ata este mércores cando se coñeza o resultado da resonancia magnética que ten previsto realizar para determinar o alcance exacto da doenza. En todo caso as sensacións non son boas, e desde o club espérase que a súa baixa se prolongue varias semanas.
Esta situación, co apertado do calendario e nun momento decisivo da tempada, pon nunha encrucillada ao Pontevedra, que quedaría sen marxe de manobra na punta de ataque e con Charles como única punta de lanza.
Así, co mercado de fichaxes aberto ata final de mes, decidiuse buscar un segundo reforzo invernal que se some á chegada de Damià Sabater no centro do campo. Esa fichaxe, con todas as fichas sénior ocupadas, deberá de ser o dun dianteiro sub-23 que compita cos canteiráns Martín Diz e Samu Vilariño.
O tempo aprema e desde a planta nobre de Pasarón trabállase a contrarreloxo para pechar canto antes esta contratación, rastrexando as opcións que ofrece o mercado invernal.