Rufo estará de baixa entre 3 e 4 semanas "en función da súa evolución"

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

O dianteiro granate sofre unha escordadura de grao I-II no seu ombreiro esquerdo, segundo confirmou a resonancia magnética á que foi sometido

Rufo abandona o campo lesionado no partido entre Pontevedra e Racing de Ferrol en Pasarón
Rufo abandona o campo lesionado no partido entre Pontevedra e Racing de Ferrol en Pasarón / Cristina Saiz

Despexada a incógnita que mantiña en albas ao Pontevedra Club de Fútbol, que xa sabe canto tempo estará de baixa Rufo tras a lesión que se produciu no último partido de liga, fronte ao Racing de Ferrol.

As sensacións inicialmente non eran boas, e aínda que pronto se descartou a posibilidade dunha rotura no seu ombreiro esquerdo, o certo é que os granates perderán ao seu dianteiro por un prazo de entre 3 e 4 semanas "en función da evolución", reflicte o parte dos servizos médicos.

A resonancia magnética á que foi sometido o futbolista revela que sofre unha escordadura acromio-clavicular de grao I-II.

Esta lesión manterá por tanto a Rufo fóra do equipo un par de semanas nun momento clave da competición, causando baixa segura para o duelo deste domingo en Salamanca fronte Unionistas e a seguinte xornada fronte ao Celta B.

Se os prazos prognosticados son os mínimos posibles o 9 granate podería regresar para a visita do Zamora ao Estadio Municipal de Pasarón (7 de febreiro).