O pontevedrés Dani Chamosa protagonizou este sábado un brillante debut no Mundial de Toquio ao conquistar a sexta posición na exixente final dos 35 quilómetros marcha e logrando, ademais, un dos mellores resultados para un atleta galego nesta cita internacional.
Só Andrés Díaz (quinto en Sevilla 92) e Adrián Ben (cuarto en Budapest nos 800 metros) lograron mellorar esa praza na historia dos Mundiais.
Nunha carreira extremadamente exixente, marcada desde o comezo pola humidade da mañá xaponesa e as dificultades físicas en forma de cambras e cambios de ritmo, Chamosa conseguiu manterse firme e aguantar entre os mellores marchadores.
A proba liderárona os xaponeses Masatora Kawano e Hayato Katsuki xunto ao ecuatoriano David Hurtado, pero o paso pola zona de castigo e a perda de ritmo dos locais permitiron ao canadense Evan Dunfee facerse coa vitoria en 2 horas, 28 minutos e 22 segundos, con medio minuto de vantaxe sobre o brasileiro Caio Bonfim. O podio, finalmente, completouno Katsuki.
Tras eles, en sexta posición, cruzou o pontevedrés Dani Chamosa, pechando de maneira brillante a proba cun tempo de 2 horas, 30 minutos e 42 segundos.
Entre os outros españois en competición, Miguel Ángel López foi duodécimo (2:33:45) e Manuel Bermúdez, décimo terceiro (2:35:19).
En categoría feminina, María Pérez colgouse un novo metal dourado e convértese na atleta española (masculino ou feminina) con máis medallas de ouro mundiais na historia. Pola súa banda, Raquel González e Cristina Montesinos foron sexta e sétima, respectivamente.
"É o que soñaba, superou as miñas expectativas", declarou o atleta da Sociedad Gimnástica unha vez finalizou a proba. "O ano pasado estaba a animar aos meus compañeiros na bancada de París e hai dous anos en Budapest a pé de pista... Estar aquí agora loitando cos mellores e conseguir o sexto posto foi incrible", recoñeceu.