A etapa de Dani Díaz no Poio Pescamar chegou ao seu fin despois dunha única tempada.
O club conserveiro fixo oficial este martes a saída do técnico do primeiro plantel, despois dunhas semanas negociando a súa continuidade.
Finalmente, explica a entidade vermella, Dani Díaz decidiu dar prioridade aos seus estudos apartándose da elite de maneira momentánea.
No seu único ano na Seca o técnico lucense, ao que o Poio Pescamar quixo agradecer "a súa profesionalidade", dirixiu a un equipo que concluíu a liga na sexta posición na Primeira División e quedou eliminado nos cuartos de final da Copa da Raíña.
Agora a xunta directiva presidida por Juanjo García traballa na procura da súa substitución para o banco coa intención de "nos próximos días" anunciar quen será o seu sucesor ou sucesora.
Máis aló da parcela técnica, o próximo proxecto deportivo do Poio Pescamar na máxima categoría conta ata a data con varias xogadoras confirmadas: Iria Saeta, Daniella Sousa, Silvia Aguete, Antía Pérez, Carol Agulla, Andrea Feijóo e Caridad García.